Xustiza

A xuíza deixa en liberdade dous encarcerados por unha suposta agresión sexual en grupo en Sarria

Cartaz á entrada do concello de Sarria.
Levaban desde o día 10 de outubro en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Sarria (comarca homónima) vén de deixar en liberdade dous dos presuntos autores dunha agresión sexual en grupo ocorrida en setembro nun local de lecer nocturno do municipio. Esta decisión produciuse logo de revisar as cámaras de seguridade.

Levaban desde o día 10 de outubro en prisión provisional, comunicada e sen fianza, pero esta segunda feira a xuíza decretou a súa liberdade a través dun auto despois de que así o solicitasen as súas respectivas defensas. A Fiscalía non se opuxo, tal e como confirman á axencia Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

A pesar de que xa saíron de prisión, si lles impuxo medidas como unha orde de afastamento da denunciante e a prohibición de comunicarse con ela, así como de saír do Estado español, a retirada do pasaporte e comparecencia ante o xulgado todas as semanas.

Canda estes dous homes había un terceiro detido que non entrara no cárcere, pero contra o que si se adoptaron medidas semellantes. No seu caso, está investigado como presunto cooperador necesario da agresión sexual denunciada