Tres homes detidos por unha agresión sexual en grupo en Sarria

Os tres detidos pasaron a disposición xudicial na tarde-noite desta terza feira. (Foto: Arquivo)
Investíganse os delitos de agresión sexual, ameazas e revelación de segredos.

Tres homes foron detidos por unha suposta agresión sexual en grupo en Sarria (comarca homónima). Foi en relación a uns feitos producidos en setembro nun local de lecer do municipio, segundo informaron fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press. Desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) precisaron que os detidos ficaron ao dispor do xulgado de Sarria na tarde-noite desta terza feira.

Para dous deles acordouse prisión provisional comunicada e sen fianza. Para o terceiro, o xulgado decretou liberdade con prohibición de comunicarse ou achegarse á persoa denunciante, retirada do pasaporte e prohibición de saír do territorio estatal. A causa por estes feitos, explicaron desde o alto tribunal galego, séguese por delitos de agresión sexual, ameazas e revelación de segredos.