A Audiencia Nacional recúa e suspende a orde de bloqueo de Telegram

Aplicación móbil Telegram. (Foto: Europa Press)
O xuíz da Audiencia nacional española Santiago Pedraz acordou solicitar á Comisaría Xeral de Información un informe sobre a Plataforma Telegram, antes da suspensión temporal dos recursos asociados a Telegram.

O xuíz acordou suspender temporalmente a orde de bloqueo de Telegram, á espera dun informe que solicitou á Comisaría Xeral. Nunha providencia con data desta segunda feira, 25 de marzo, o maxistrado solicita información sobre as características da plataforma Telegram "así como a incidencia que poida ter sobre os usuarios dita suspensión temporal".

A pasada sexta feira, Pedraz ordenou suspender de forma cautelar a aplicación de mensaxería instantánea Telegram por mor dunha denuncia presentada por Mediaset, Atresmedia e Movistar Plus por presunto uso non autorizado de contido audiovisual sometido a dereitos de autor.

O sábado, o xuíz deu tres horas ás operadoras para que, desde a recepción da súa comunicación, procedesen á suspensión dos recursos asociados á aplicación no Estado español.

Segundo o xuíz, a imposibilidade de “identificar os titulares”  das contas utilizadas para difundir contidos piratas con ánimo de lucro levoulle a decretar unha orde de peche total que, Hai só tres días, consideraba “necesaria, idónea e proporcional” e para a que “non existe alternativa”.

Agora, con todo, deixa en suspenso esa orde a espera dun informe da Policía que analice a “incidencia” que esa suspensión temporal poida ter sobre os usuarios e usuarias desta rede.

Telegram é unha aplicación de mensaxería instantánea lanzada en 2013. Desde os seus inicios, destacou como alternativa a Whatsapp pola liberdade e a privacidade do usuario, negándose a partillar información coas autoridades, como si fai a aplicación de Meta.