martes 15/06/21

Grupos de Telegram

A primeira encomenda que recibín cando me convertín en candidata “das mareas” foi integrarme nos, non un ou dous, senón múltiples grupos de Telegram da campaña. Esta aplicación de mensaxería ofrece un nivel de seguridade aceptable para o seu uso interno por organizacións políticas, pero o xeito de usalo na práctica converteu tal artefacto nun elemento de distorsión.

Para comezar, constituíuse nunha pseudo-asemblea permanente, pois mesmo os órganos formais de representación tomaban decisións e computaban votos cunha simple mensaxe instantánea. Ter unha canle dun espazo político aberta de xeito constante, sen unha moderación clara, en lugar de facilitar a comunicación a quen ten menos tempo de militar, polo tipo de traballo ou ocupación, e a quen non pode desprazarse sempre ás reunións físicas, remata por converterse no reino de quen menos fai e máis predica. Por non falar de que o tipo de canle favorece que non só se traten problemas sociais ou aburridos temas orgánicos, senón que coa mesma soltura enviemos o último chiste ou a comanda do xantar.

Asemade, a pretendida seguridade, nun espazo tan diverso e confrontado internamente, rematou por desbaratarse a forza de pantallazos que mesmo protagonizaron pezas xornalísticas de dubidosa ética, mais funcionais ao PP, que era o que importaba.

Pero, o que me resultou máis perturbador foi darme conta do proceso de desconexión coa realidade que supuña, a pouco que te despistaras, aquela hiperconexión interna.

Pretendíase facer a revolución intercambiando documentos estratéxicos no Telegram no tempo que o fascismo medrou en escanos con, entre outras tácticas, difusión masiva de bulos por WhatsApp, que era o que atendía maioritariamente a xente.

Quizais a esquerda estes anos se ocupara demasiado en quedar ben nos circuítos máis autorreferenciais sen esforzarse ao máximo nos espazos máis populares. Que aplicación de mensaxería escolleu o PP para a campaña de Madrid? Telegram non.

comentarios