O xuíz ratifica o arquivo do caso das gravacións da Maruxaina

Manifestación convocada en San Cibrao, en Cervo, en apoio ás 87 mulleres afectadas polas gravacións das festas da Maruxaina (Foto: Bumei)
Argumenta que os feitos denunciados non constitúen un delito contra a intimidade ou o dereito á propia imaxe porque as imaxes se obtiveron na vía pública.

O xuíz que instrúe o caso das gravacións da festa da Maruxaina de Cervo volveu desestimar a denuncia ao considerar que non existe delito nos vídeos gravados con cámara oculta a 87 mulleres ouriñando na rúa e que foron subidos a páxinas web pornográficas, algunhas delas de pagamento.

Nun auto emitido a comezos de setembro, xa foi recorrido pola asociación Mulleres En Igualdade Burela (Bumei) ante a Audiencia Provincial de Lugo, o xuíz Pablo Muñoz desestima o recurso presentado polo colectivo ao primeiro arquivo da causa, ditado por el mesmo a mediados de marzo.  

As vítimas destes feitos, ocorridos durante A Maruxaina de 2019, denunciáronos no seu día ante a xustiza contando co apoio da asociación Mulleres en Igualdade de Burela, Bumei. Con todo, o titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro ditou daquela un auto no que sobreseía provisionalmente o caso ao non considerar "suficientemente acreditado que se cometeu un delito".

O maxistrado chegara a argumentar que "non se vulneraba a intimidade" das mulleres que aparecían ouriñando no vídeo, xa que o fan "nun lugar público no que lles podería ver calquera persoa que pasase pola zona".

Agora, o xuíz desestima o recurso presentado contra ese sobreseimento. Argumenta que os feitos denunciados non constitúen un delito contra a intimidade ou o dereito á propia imaxe porque as imaxes se obtiveron na vía pública, polo que deberían ser tratados pola vía civil e non a penal.

O criterio do xuíz instrutor difire do que ten a Fiscalía, que considera que hai un delito contra a intimidade e estima que "alternativamente" pode existir tamén outro contra a integridade moral das vítimas.