O Consello Galego das Mulleres condena as gravacións durante A Maruxaina publicadas en webs pornográficas

Pleno do Consello Galego das Mulleres (Foto: Xunta da Galiza)

O Consello Galego das Mulleres condena as gravacións a mulleres efectuadas sen o seu consentimento durante a festa da Maruxaina 2019 e que acabaron publicadas posteriormente en páxinas web de contido pornográfico.

O pleno do Consello Galego das Mulleres manifestou o seu "absoluto rexeitamento" polas gravacións a un total de 87 mulleres mentres ouriñaban durante a festa da Maruxaina de 2019  en San Cibrao (Cervo), e que terminaron colgadas en páxinas pornográficas.

O xulgado de Viveiro decretou o arquivo provisional do caso, ao non considerar "suficientemente acreditado que se cometeu un delito". O maxistrado chegou a argumentar que "non se vulnera a intimidade" das mulleres que aparecen ouriñando no vídeo, xa que o fan "nun lugar público no que lles podería ver calquera persoa que pasase pola zona".

Tanto a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela, Bumei, que exerce de acusación popular, como varias das afectadas a título particular impulsaron recursos para tentar que o proceso continúe.

A decisión do xuíz motivou a indignación da veciñanza de San Cibrao e centos de persoas tomaron as rúas o pasado domingo para reclamar ao maxistrado que "recapacite" no arquivo do caso.

Agora, esta cuarta feira, 7 de abril, o pleno do Consello Galego das Mulleres (órgano colexiado e de carácter consultivo no que están representadas todas as Consellarías, ademais de asociación de mulleres, organizacións sindicais e empresariais) alertou de que os feitos atentan contra a dignidade e a intimidade das afectadas, e mostrou o seu incondicional apoio ás prexudicadas polo dano moral causado.

O órgano denunciou a "impunidade" coa que moitas veces se levan a cabo este tipo de accións e contra a que a sociedade "ten que loitar con todas as armas legais que teña ao seu alcance".

Pacto de Estado

Por todo iso e á espera de que se resolva definitivamente o proceso e a decisión sobre os recursos presentados, o Consello Galego das Mulleres solicita ao Estado o desenvolvemento urxente das medidas do Pacto contra a Violencia de Xénero que persegue a erradicación deste tipo de prácticas.

Entre elas, engade, atópase a posta en marcha dun sistema de coordinación, cooperación e  corregulación entre as forzas e corpos de seguridade, empresas de telecomunicacións e provedores de contidos dixitais para eliminar referencias nocivas en webs que provocan vexación ou violencia contra as mulleres.

Guía coeducativa

Doutra banda, no Consello trasladouse a nova 'Guía coeducativa' coa que se busca consolidar nos centros escolares o traballo co alumnado á marxe de roles e estereotipos, para promover a educación baseada no principio de igualdade e afastada de modelos sexistas.

O documento diríxese especificamente ao profesorado con propostas de actividades para fomentar a reflexión nas aulas, con recursos para detectar desigualdades e evitar reproducilas.

Tamén se abordou a necesidade de que as estatísticas demográficas presten atención ás mulleres maiores para poder realizar diagnoses máis efectivos sobre este grupo de poboación e avogouse por traballar fronte a pobreza que afecta en maior medida a esta franxa de idade, especialmente nos sectores de actividade económica vinculados co mundo rural.