Centos protestan en San Cibrao contra o sobresemento do caso das gravacións sen consentemento a mulleres na Maruxaina

Manifestación convocada en San Cibrao, en Cervo, en apoio ás 87 mulleres afectadas polas gravacións das festas da Maruxaina (Foto: Bumei)

San Cibrao (Cervo) acolleu unha multitudinaria manifestación para protestar pola decisión do Xulgado de Viveiro de sobreser a denuncia polo caso dos vídeos gravados sen consentimento a 87 mulleres, na súa maioría mozas, mentres ouriñaban nunha rúa apartada durante as festas da Maruxaina de 2019. Os vídeo remataron colgados en webs pornográficas.

Centos de persoas tomaron este domingo 4 de abril as rúas de San Cibrao (Cervo) para protestar pola decisión do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro de sobreser de maneira provisional a denuncia presentada pola Asociación de Mulleres en Igualdade, Bumei, de Burela, polo caso dos vídeos gravados sen consentimento a 87 mulleres, na súa maioría mozas, mentres ouriñaban nunha rúa apartada durante as festas da Maruxaina de 2019. Os vídeo remataron colgados en páxinas web pornográficas.

A mobilización, convocada polo colectivo Xustiza Maruxaina, conformado polas afectadas, partiu ás 12 do mediodía desde a Praza dos Campos para transcorrer polo centro do Concello até concluír na praia do Torno, onde precisamente se celebran as festas.

Paloma Maseda, unha das mulleres que puxo voz ás vítimas durante a protesta, agradeceu o apoio recibido por parte da veciñanza da Mariña nunha mobilización que foi multitudinaria. "Dános moitísima forza ver que tantísima xente nos acompaña", manifestou.

O colectivo Xustiza Maruxaina, en palabras de Maseda, pelexa non só "polas afectadas en si", senón tamén "por moitas persoas que aínda non saben que saen nestes vídeos".

"Hai outros vídeos en servizos ou en vestiarios en que (as mulleres) son gravadas e non son conscientes. Non é que soamente fósemos nós, senón que ten moito máis alcance", explica, para ademais pór o foco en que tamén hai menores afectadas.

Caso sobreseído

As vítimas destes feitos, ocorridos durante A Maruxaina de 2019, denunciáronos ante a xustiza contando co apoio da asociación Mulleres en Igualdade de Burela, Bumei. Con todo, o titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro ditou un auto para mediados de marzo no que sobreseía provisionalmente o caso ao non considerar "suficientemente acreditado que se cometeu un delito".

O maxistrado chega a argumentar que "non se vulnera a intimidade" das mulleres que aparecen ouriñando no vídeo, xa que o fan "nun lugar público no que lles podería ver calquera persoa que pasase pola zona".

Polo de agora, tras os recursos presentados contra o auto de sobresemento tanto polas afectadas como pola asociación, o caso continúa no xulgado de Viveiro.

Pola súa banda, a presidenta de Mulleres en Igualdade, Bumei, Mary Fraga, celebra o apoio "total" mostrado este domingo pola veciñanza ás afectadas. "Vai vir moi ben a elas, persoalmente", asegura.

Para a responsábel de Bumei, a mensaxe da manifestación "foi claro": "Señor xuíz, recapacite, non pase á historia por ser un dos artífices de que se destruísen os dereitos das mulleres, senón por loitar por eles".

Así, Fraga avanza que Bumei levará esta semana o caso da Maruxaina ante o Consello  Galego das Mulleres -órgano conformado pola Xunta da Galiza, coa presenza de diversas asociacións e organizacións-, tendo en conta que xa se pediu un pronunciamento do Observatorio  Galego contra a Violencia de Xénero. De feito, lembra que o Valedor do Pobo xa emprendeu unha investigación por mor da difusión dos vídeos e que solicitan firmas para trasladalo ao Parlamento galego.

Outra das directivas da asociación e unha das encargadas de ler o manifesto en San Cibrao, Jasone Lorenzo, advirte que pensan chegar "até onde poidan" para reclamar "xustiza". Esperan, di, que o recurso ante o auto de sobresemento consiga que o xuíz "rectifique".

"Pedimos que se faga xustiza, que non se arquive a causa e que se eliminen as publicacións nas páxinas porno, que a día de hoxe segue lucrando a esas páxinas o ou a quen o gravou", denuncia Lorenzo.