Xustiza

O xuíz deixa en liberdade a viguesa acusada de ameazar cun coitelo a súa filla na cea de Noitevella

Pratos coas doce uvas das badaladas de Noitevella. (Foto: Lola F. Nogales)
Nin o fiscal nin o xuíz apreciaron esa ameaza ao retractarse a filla menor e presunta vítima.

O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo, en funcións de garda, vén de deixar en liberdade a nai acusada de ameazar a súa filla, coitelo en man, por interromper a cea de Noitevella o pasado 31 de decembro. Segundo fontes xudiciais citadas pola axencia Europa Press, nin o fiscal nin o xuíz apreciaron esa ameaza, ao retractarse a filla menor.

Os feitos ocorreron na noite do 31 ao 1 de xaneiro, cando a Policía Local detivo esta muller, E.E.O., de 55 anos de idade, por un presunto delito de violencia no ámbito familiar, tras supostamente ameazar cun coitelo a súa filla de 14 anos despois de que a menor interrompese unha cea que estaba a celebrar con invitados no salón da vivenda, situada na céntrica rúa Urzaiz.

Cando os axentes chegaron ao lugar, escoitaron berros e ameazas e atoparon a porta do domicilio aberta. No interior da vivenda estaban tres menores, dous nenos e unha nena, e esta estaba a chorar. A nena dixo aos axentes que a súa nai a ameazara e intimidara, colocándolle un coitelo na cara, polo que fuxira a refuxiarse a unha habitación.

Os outros dous menores, de 12 e 16 anos de idade, corroboraron a versión da nena, a súa irmá, e explicaron que a súa nai enfadara moito con ela porque entrara no salón, onde a muller estaba a cear con invitados. A nai prohibira aos fillos que entrasen nesa zona da vivenda.

Ademais, os menores manifestaron de forma espontánea aos axentes que a nai os ameaza con frecuencia e mostra cara a eles comportamentos agresivos de forma habitual. Ao entrevistarse coa muller, esta recoñeceu aos policías que ameazara á nena cun coitelo porque entrara no salón onde ceaba, a pesar de que o tiña "prohibido".

Os axentes procederon á súa detención por un suposto delito de violencia no ámbito familiar, mentres que deron aviso a unha familiar, unha tía, para que se fixese cargo dos tres nenos.