Detida en Vigo unha muller que ameazou cun coitelo a súa filla por "interromper" a cea de Noitevella

Rúa de Urzáiz, en Vigo (Foto: Zarateman).
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do 1 de xaneiro, cando o 092 recibiu unha chamada informando deste episodio violento, nunha vivenda da rúa Urzáiz.

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron unha muller de 55 anos de idade, E.E.O., por un presunto delito de violencia no ámbito familiar, tras ameazar cun coitelo a súa filla de 14 anos despois de que a menor interrompese unha cea que tiña con covidados no salón da vivenda, a pasada Noitevella.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do 1 de xaneiro, cando o 092 recibiu unha chamada informando deste episodio violento, nunha vivenda da rúa Urzáiz.

Cando os axentes chegaron ao lugar, escoitaron berros e ameazas e atopáronse coa porta do domicilio aberta. No interior da vivenda atopábanse tres menores, dous nenos e unha nena, que estaban a chorar.

A nena explicou aos axentes que a súa nai a ameazara e intimidara, colocándolle un coitelo na cara, polo que fuxira a refuxiarse a un cuarto da vivenda.

Os outros dous menores, de 12 e 16 anos de idade, corroboraron a versión da nena, a súa irmá, e explicaron que a súa nai se enfadou moito con ela porque entrara no salón, onde a muller estaba a cear con invitados. A nai prohibira aos fillos que entrasen nesa zona da vivenda.

Ameazas frecuentes

Ademais, as menores manifestaron de forma espontánea aos axentes que a nai as ameaza con frecuencia e mostra cara a elas comportamentos agresivos de forma habitual.

Ao entrevistarse coa muller, esta recoñeceu aos policías que ameazara a nena cun coitelo porque entrara no salón onde ceaba, a pesar de que o tiña "prohibido".

Os axentes procederon á súa detención, por un suposto delito de violencia no ámbito familiar, mentres que deron aviso a unha familiar, unha tía, para que se fixese cargo dos tres nenos. A Policía porá os feitos en coñecemento dos servizos sociais.