Andrés Lago, titular do Xulgado de Instrución nº3 de Santiago, cita como investigado o ex-xefe de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por homicidio e lesións no caso Alvia. O maxistrado determina que Cortabitarte “non cumpriu” o seu cometido en relación coa elaboración da correspondente análise de riscos na liña de alta velocidade entre Ourense e Compostela.
Ao non adoptar medidas para “avaliar e xestionar” ese risco, tolerou unha situación potencialmente perigosa que “finalmente cristalizou” no descarrilamento que custou a vida “a múltiples usuarios”. Faleceron 80 persoas e máis dun cento sufriron diversas feridas.
O xuíz mantén que “non podemos discutir” que “a curva representaba un risco en si mesma”, un perigo latente que fora detectado pola propia unión temporal de empresas encarregada de construír a infraestrutura. Aliás, ese risco fora notificado a Adif.