LAURA BUGALLO

“A xudicatura non sabe que as ansias de mudar a realidade non as imos perder”

Laura Bugalho

Conversamos coa activista sindical da CIG após coñecerse a nova data do seu xuízo. 

Laura Bugalho será xulgada o 23 de febreiro nos Xulgados de Fontiñas, en Compostela. A Fiscalía e a policía española acúsana dun suposto delito de falsificación documental e de tráfico de persoas polo que podería ser condenada a até 8 anos de cadea. Porén, na vista oral que tivo lugar en xaneiro de 2013 ningunha das partes da acusación se presentou. Unha “broma macabra”, asegurou Bugalho na altura, que continúa. Após case 7 anos de instrucción, di, “debería arquivarse o caso por dilación indebida”.

Vaia data para o xuízo, o 23-F…

Pois si, vaia data… Semella que moitas cousas neste país veñen sinaladas por datas macabras.

Hai novidades no proceso?

Hai, si. Das cinco persoas migrantes que foron buscadas pola policía española tres están desaparecidas, en rebeldía. É dicir, tres dos meus denunciantes non están. Ademais, xunto a min había un compañeiro migrante uruguaio que tamén está desaparecido, de maneira que só quedamos eu, un denunciante, a policía que non aparece máis a Fiscalía da que descoñezo a cara. [Nen a policía, nen a Fiscalía acudiron á vista oral que tivo lugar en xaneiro de 2013]. Despois de tanto tempo, en maio cúmprense 7 anos de instrucción, podían arquivar o caso. Non son xurista mais por dilación indebida no tempo poderíase arquivar.

"No proceso quedamos eu, un denunciante, a policía que non aparece máis a Fiscalía da que descoñezo a cara"

Como valoras o tempo transcorrido?

Tanto tempo provoca desgaste. Mais o que non sabe a xudicatura é que a utopía, as ansias de mudar a realidade, non as imos perder. Con todo, non volvín pasar por extranxeiría. Se era un aviso a navegantes conseguírono, xa non volvín. Con todo o que aconteceu e o que está a acontecer, obsérvase unha vontade de criminalización da solidariedade. O meu caso é un aviso para todas as persoas que nos manifestamos, que nos expresamos na rúa.  Aquí xúlgasenos a todas.

E no teu traballo?

Dediqueime máis aos outros ámbitos. Quen se mete no mundo da migración adquire unha bagaxe e sabes que podes axudar a quen o precisa através doutras plataformas como o Foro galego de inmigración.  Aí sempre me sentín arroupada. Agora, á CIG xa non veñen porque daquela [cando se produciu a detención de Laura Bugalho en 2009] veu a policía e colleron medo. Visitar a Laura era case un perigo.

"Aquí xúlgasenos a todas as que nos manifestamos"

Neste tempo tamén recibiches moitas mostras de apoio de múltiples lugares como Euskal Herria ou Uruguay…

Sempre é sobrecolledor recibir tanto apoio. Nos últimos días xente da que había tempo que non sabía nada púxose en contacto comigo, outras persoas das que non o esperas… iso é de agradecer. É lindo porque a nosa loita local é global.