Laura Bugalho será xulgada o 23-F

Laura Bugalho [Imaxe Marisol Ramírez]

A sindicalista e activista foi denunciada por un suposto delito de falsidade documental, segundo a Fiscalía, e de tráfico de persoas, segundo a policía española. 

O 23 de febreiro a activista sindical, Laura Bugalho, volverá ser xulgada no marco dun proceso no que se lle acusa dun presunto delito de falsidade documental, segundo a Fiscalía, e de tráfico de persoas, segundo a denuncia policial. 

A acusación asegura que durante o desenvolvemento do seu traballo --de apoio e asesoramento a persoas migrantes desde a Confederación Sindical Galega (CIG)-- tería falsificado documentos para a regularización de 4 persoas. Por esta razón a Fiscalía pedía unha condena de entre 3 e 6 anos de cadea. Entretanto, a policía española asegura que Laura Bugalho lidera unha mafia para a trata de persoas o que elevaría a petición a 8 anos. 

A acusación pide unha condena de até 8 anos de cadea por un suposto delito de falsidade documental e trata de persoas

A sindicalista negou sempre a acusación e mesmo denunciou ter sido obxecto de vexacións durante a súa detención en 2009. Unha experiencia que contou a Sermos Galiza no número 31 do semanario en papel.

Neste senso, a vista oral do caso tivo lugar en xaneiro de 2013 mais naquela data a Fiscalía, que reclamara re-abrir o caso após ser fechado en fase de instrución, non se presentou, ao igual que a outra parte da acusación, a policía. A ausencia foi calificada por Laura Bugalho como unha "broma macabra". 

En xaneiro de 2013 a Fiscalía non se presentou na vista malia exixir reabrir o caso que fora fechado en fase de instrución

Así as cousas, a xuíza propúxolle na altura aceptar unha rebaixa dun terzo da condena, oferta que foi rexeitada por Bugalho "porque non vou aceptar condena ningunha, nin dun ano, nin dun mes, ningunha. Son inocente".

Ao longo destes anos son moitas as persoas, colectivos, organizacións e movementos sociais da Galiza, Euskal Herria, Madrid, Aragón ou Uruguay, entre outros territorios, que teñen amosado a súa solidariedade coa activista sindical pola "persecución políca", que din, padece por mor do seu traballo.