Moheva dálle unha segunda vida aos toldos, converténdoos en moda sostíbel

Á esquerda, un dos bolsos da marca Moheva. Á dereita un toldo instalado pola empresa Toldos Gómez. (Foto: Toldos Gómez).
Toldos Gómez impulsa a creación de bolsos con material reciclado.

Moheva é unha marca de moda sostíbel e comprometida co medio ambiente que se dedica á venda de bolsas e bolsos, entre outros produtos, feitos con materiais reutilizados. A marca pertence á empresa Toldos Gómez, líderes do sector na Galiza, con sede principal en Arzúa, na comarca homónima. A partir dos materiais sobrantes da produción de toldos, créanse estas pezas, de maneira que Toldos Gómez explora unha nova liña de negocio baseada na sustentabilidade.

Aínda que a páxina web de Moheva viu a luz o pasado mes de novembro, a idea de Toldos Gómez vén de anos atrás. Todo comezou, explica a empresa, co agasallo de Nadal que se daban entre compañeiras e compañeiras e que se gardaba dentro dunha caixa de cartón. A traballadora Ana Mahía, dedicada á mercadotecnia, propuxo facer unha bolsa na que gardar o agasallo: “A idea gustou moito, así que dixemos, imos facer unha marca dedicada só a isto e lanzala”, relata en conversa con Nós Diario.

Da produción habitual de Toldos Gómez xéranse residuos procedentes dos restos de lona e de toda clase de tecidos técnicos, “e tiñamos que darlles saída dalgún modo”, explica Mahía. E a partir de entón comezou co deseño. Coa axuda das súas compañeiras confeccionadoras e coas encargadas dos rótulos, naceu Moheva, que cualifica como unha moda feita con valores.

A partir de aí empezaron a deseñar materiais que podían elaborar coas máquinas e cos tecidos cos que contaban, tendo en conta a aceptación do público: accesorios para ir á praia, á compra, de paseo, para levar documentos... “Sempre imos estar innovando, sempre vai haber prototipos e cousiñas novas”, comenta a creadora. Pero recalca que nunca poden saber con certeza o que van facer nun futuro porque traballan en función dos residuos que xeran. De aí o seu carácter sustentábel.

“Queríamos que a nosa liña de produto tivese que ver co medio ambiente, que se usasen produtos reciclados, e que, á vez, estivesen ligados a nós, a onde pertencemos e a onde nos movemos”, expón Ana Mahía. Por esta razón crearon a bolsa da compra Matíldez, en honor á nai dos fundadores de Toldos Gómez, Matilde Cea.

Buscaban fiar os nomes dos produtos cos seus usos, e Arzúa, o lugar onde ten a sede a empresa, quedábaselles pequeno, polo que ampliaron o concepto a toda Galiza. Hai moitos exemplos, como a bolsa Teixidelo, que fai referencia a unha praia de Cedeira con area negra, e de aí a cor da bolsa. Ou o transportín para animais Cariño, en relación ao á afectividade que une as persoas coas súas mascotas.

Calidade

Os produtos de Moheva distínguense pola súa calidade e durabilidade, pois os materiais que se empregan para a fabricación de toldos teñen características técnicas como a impermeabilidade ou a resistencia. Son, tamén, materiais que non se encontran facilmente no mercado, polo que son produtos únicos. "Son agasallos bonitos e sostíbeis que podemos regalar sen danar o medio ambiente", afirma Ana Mahía, que informa de que, alén da web, poden comprarse na nave da empresa no Raído, en Arzúa.

A marca Moheva: moda feita con valores. Cales son?

“Cremos na reciclaxe, nun consumo máis responsábel, no desperdicio cero e na filosofía de vida herdada das nosas avoas e avós, que tan ben sabían aproveitalo todo: remendando, arranxando e creando”, así describe Moheva a súa filosofía. Os seus principios básicos son "un alma sostíbel, a produción local, unha longa vida e a Galiza como inspiración". De aí o nome, que apela a unha moda feita con valores.