FITUR | Entrevista

Xosé Regueira: "Temos que captar a tipoloxía de turismo que máis nos interesa"

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. (Foto: Deputación da Coruña)
Nós Diario conversa con Xosé Regueira, vicepresidente e responsábel de Turismo da Deputación da Coruña, que encabezará a delegación do organismo na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que decorre desde mañá até o domingo na Institución Feiral de Madrid, na capital do Estado español.

—Que teñen en común os cinco Plans de Sustentabilidade Turística que vai presentar a Deputación da Coruña en Fitur?
Realmente os puntos en común son unha reflexión sobre o que queremos ser de maior. Nós cremos que se estamos a recibir fondos europeos que teñen como escusa lograr unha maior sustentabilidade con todo o que esa palabra significa, tanto social como económica como medioambiental como de calquera outro tipo, o empeño e o que nós queremos trasladar aproveitando esta feira internacional, unha das máis importantes do mundo, é a intención da Deputación de conseguir xustamente iso, e ao mellor é o momento de non centrarse tanto nas cifras de turistas que chegan á nosa provincia anualmente.

A mensaxe que queremos lanzar na feira é que imos pasar de convidar todo o mundo a intentar captar esa tipoloxía de turismo que máis nos interesa e que sexa máis consciente de que os territorios que vai visitar son territorios sensíbeis que hai que coidar.

—Cal foi a resposta social aos proxectos que xa levan tempo en marcha? 
A resposta en todos é moi boa, eu creo que todo o mundo percibe o turismo como unha oportunidade, se ben é certo que tamén hai unha parte da sociedade que dalgunha maneira alerta de que o turismo tamén pode traer certos problemas, e o que intentan apañar os plans é que a sociedade participe activamente para definir unha tipoloxía de turismo que beneficie especialmente a  poboación residente, que xere maiores cotas de benestar e que sobre todo dea oportunidades de traballo e de seguir traballando e vivindo na propia terra. Polo tanto a percepción, aínda que sempre hai algunhas lagoas que a medida que avancen os plans se irán disipando, pois é moi boa.

—Como é a colaboración co resto de Administracións públicas? 
Eu creo que en turismo conseguimos un ámbito de colaboración que se non é óptimo é razoabelmente bo, no que todos entendemos desde o primeiro momento que a pandemia podería supor unha oportunidade ou un gran problema para o turismo, e decidimos que había ámbitos de colaboración onde era fácil entenderse e por esa vía fomos capaces de conseguir logros importantes.

O turismo en Galiza medrou exponencialmente, e o volume de negocio foi altísimo en 2023, cando fomos capaces de superar o mellor ano turístico da historia, que fora 2019, e as previsións para este ano son dun crecemento aínda maior. Evidentemente significa que tanto o sector como as Administracións públicas viñemos remando na mesma dirección.

Si é certo que hai outros círculos nos que sería moito máis difícil que nos puxéramos de acordo, e aí quedan os debates de futuro, eu creo que o gran reto é á hora de aplicar a intelixencia ao turismo, de organizar os datos e de ver tamén eses datos que nos indican, porque até o de agora todo estivo centrado na magnitude total de turistas que chegan, e eu creo que Galiza agora mesmo xa é un destino consolidado e que ten que comportarse dunha maneira madura, é dicir, saber se o turismo nos está custando ou nos está restando, e como está evolucionando tamén ese dato en diferentes territorios, o futuro vai pasar por aí.

Xa me gustaría a min que todos os ámbitos de goberno tiveran o nivel de corresponsabilidade que se tivo en turismo por parte de todas as patas.

—Que aspectos están pendentes de desenvolver para colocar a Galiza como un destino turístico sustentábel?
Eu creo que primeiro temos que ser conscientes de que hai que transmitir á sociedade que temos que crer en nós mesmos, temos que saber que o turismo representa entre 12,5% e 14% do produto interior bruto, que é un xerador económico moi importante pero haino que pór en valor, e fáltanos máis diálogo coa sociedade residente, máis concienciación dos espazos sensíbeis que estamos utilizando para rendibilizar o turismo e ter datos suficientes para saber como podemos planificar o turismo para que a rendibilidade sexa unha rendibilidade sustentábel en todos os planos.

Na Galiza temos a grande oportunidade de corrixir os erros que xa cometemos, e sobre todo planificar sen erros as oportunidades que poden vir de aquí para adiante. Temos que mirar cara ao futuro, hai cuestións que nos deben preocupar, fundamentalmente a mobilidade interna pero tamén ir a mercados que poidan ser máis atractivos porque poden traer xente máis preocupada polos temas culturais, paisaxísticos, tradicionais ou lingüísticos, que nos darían moitísimas oportunidades.

Turismo e cambio climático

O vicepresidente da Deputación da Coruña fai un chamamento a ter en conta a evolución do cambio climático no país, o que “seguramente vai ocasionar” unha mudanza no “perfil turístico”, reiterando a importancia de apostar pola “investigación” para “un maior coñecemento do que nos vai vir por diante”.

Ao respecto, sostén que o turismo na Galiza está xa nunha “fase de madurez”, o que ten que servir para evitar os erros que cometeron destinos que “agora mesmo están caducos” e superar “un turismo baseado moitas veces na intuición”, pero que “non está aínda estruturado posto que non hai modelos para medir o que necesitamos na actualidade e para non destruír a medio prazo as oportunidades que temos”. Asemade, fai énfase na repercusión da actividade turística nas áreas rurais, zonas que "non sempre teñen moitas oportunidades".