Entrevista

Xosé Luis Otero, coordinador das Estacións Biolóxicas da USC: "No futuro imos ter auga, pero será de mala calidade"

Xosé Luis Otero. (Foto: Nós Diario)
Xosé Luis Otero (Vigo, 1966) é catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola e coordinador das Estacións Biolóxicas da USC. Fai parte do centro de investigación Cretus, onde traballa sobre a degradación e recuperación de solos e aguas. Na Galiza, apunta, non faltará, pero será un ben limitado e de peor calidade, que pide xa unha xestión integral.

—Gozan de boa xestión e calidade os recursos hídricos da Galiza?
Na Galiza, en xeral, maltrátase a auga. Non hai o apuro que teñen outros territorios do Estado e polo tanto nin se valora este recurso nin se coida coa intensidade que se debera. Sucede nas casas, onde non hai unha conciencia cidadá que preste atención ao aforro e á xestión adecuada das augas, e pasa o mesmo na Administración pública. Por outra parte, existe un abastecemento de auga axeitado, porque hai un volume moi importante en case todo o territorio, pero o punto débil é a calidade.

—Esta cativeza é un fenómeno puntual ou consolidado?
A calidade das augas de abastecemento potábel, para o consumo humano, vai ser cada vez menor. O cambio climático, o incremento da temperatura, o feito de que temos todas as cuncas hidrográficas mal tratadas, ademais do uso descontrolado de fertilizantes, que van ás augas, fai que os nosos encoros estean cada día peor. O afloramento de algas verdes e tóxicas é cada vez máis frecuente e iso é resultado da falta de coidado da hidroloxía das bacías. 

—Pódese atallar este problema?
É un mal que ten difícil solución porque ten un impacto eutrofizante. Non é que haxa un vertido específico nun lugar concreto, que poidas controlar e depurar, senón que se utilizan tantos fertilizantes, no ámbito forestal e agrícola, que nun país como o noso, no que chove tanto, boa parte dese material acaba nas augas fluviais e finalmente nos encoros. Co tempo teremos moita auga embalsada pero de moi mala calidade e iso ocorre xa no norte da Galiza, na comarca de Ferrolterra, por exemplo.

—O encoro das Conchas, na Baixa Limia, é outro contorno paradigmático, altamente contaminado.
É un caso de libro de eutrofización debido a todos os abonos que se incorporan aos campos de cultivo. Unha vez penetran no solo son lixiviados de forma moi difusa e alcanzan a capa freática. É un problema moi grave ligado ao uso e abuso dos xurros. Case todas as augas da Galiza están contaminadas por coliformes fecais, mesmo os grandes ríos, e iso deriva fundamentalmente de vertidos de augas residuais, de forma maioritaria de orixe animal, non humana.

—Cómpre maior esforzo na depuración das augas?
Neste caso o que require a situación é un control máis severo do uso dos xurros. Existe unha normativa pero creo que non se cumpre. Non hai unha vixilancia ambiental rigorosa. Porén, aínda vemos feches puntuais que nos indican que as augas que se depuran están mal purificadas.

—Cal é a situación nas rías galegas? Teñen problemas propios?
A sorte que temos é que as nosas rías son moi grandes e teñen unha dinámica hidrolóxica moi activa. Todas as augas que chegan a elas dilúense moi rápido. Eu son de Vigo e vin como se verteron á ría augas residuais procedentes da cidade sen depurar, sen que chegasen a causar unha afección moi seria. Se este tipo de vertidos tivesen lugar nos fiordos de Noruega serían unha cloaca. Con todo, o problema máis serio é resultado do maltrato local de vertidos, erosión e construción, que ofrece obstáculos continuos ao fuso natural da auga.

Os fondos das nosas rías mudaron substancialmente. Elementos finos como a arxila, os limos e a materia orgánica ocuparon o sitio da area ou o cascallo. Isto fai que agora o sedimento sexa anóxico, unha traba para o crecemento dos bivalvos. Pero non é a única. A suba da temperatura das augas, asociada a que cada vez hai menos ventos do nordés, fai que os afloramentos de augas profundas do verán estean a desaparecer. Hai  un cambio global alimentado pola acción local negativa o que nos conduce a unha situación de colapso da produtividade.

Xestión integral das cuncas hidrográficas

A escaseza de auga vai ser un problema serio na península Ibérica, advirte Xosé Luís Otero. "Xa o está a ser nalgúns territorios", alerta. Na Galiza, esa carestía albíscase máis lonxe, "pero estase achegando". Aquí haberá dispoñibilidade, mais será auga de peor calidade e "haberá que gastar máis diñeiro en depurala. Ese é o gran reto, porque a auga será un recurso limitado".

Otero avoga por un maior control e xestión integral das cuncas hidrográficas. "É importante protexer as beiras dos ríos. Os bosques de ribeira actúan como depuradores dos impactos contaminantes. Hai que facer fincapé na conciencia política e cidadá para evitar vertidos sen depurar ou mal depurados, sobre todo de pequenas poboacións. E hai que intensificar a vixilancia ambiental, máis disuasoria que sanciaonadora", engade o coordinador das Estacións Biolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela.