O ELECTORADO TOMA A PALABRA

Xosé Heriberto, parado do naval: “Non é críbel o dos contratos de Pemex”

A campaña electoral acostuma estar monopolizada polo discurso das diferentes forzas políticas e as súas propostas. Sermos Galiza quere dar tamén voz ao electorado, á xente que o vindeiro 21-O está chamada ás urnas. Coa entrevista a Xosé Heriberto, un dos tantos parados do sector naval, fica inaugurada unha sección dentro da cobertura especial das eleccións galegas con que "o electorado toma a palabra".

 

Leva tres ano desempregado. O seu último contrato foi nos astaleiros de Navantia. Vinte e cinco días que non lle deron para moito. Xunto a compañeir@s de traballo organizouse na Asemblea de Desempregados de Ferrol.

Un contrato por obra e despois nada, non?

Exacto. Traballei nun grupo en que eramos 32 persoas e ao final só quedaron seis.

Pasan primeiro os días e logo os meses. Pasarán moitas cousas pola cabeza...

Uf. Tes todo o tempo para pensar. Ás veces son pensamentos malos.

Mudou a súa vida?

Teño 46 anos e agora vivo cos meus pais.

Nesta campaña fixéronse promesas de que o astaleiro terá traballo cos contratos de Pemex. Que opina?

Non me creo nada. Non é críbel. Se o fose os contratos non estarían agochados. Dá a impresión que non hai nada. Seguro que o luns vindeiro teremos a verdade. Ademais e pan para hoxe e fame para mañá. Non é a solución para o astaleiro.

Cal pensa que será a solución?

Contar coa construción civil. Presumen de que hai moito mercado mais aquí non se ve. Navantia é un grupo que tanto pode vir para Cádiz ou para Ferrol. Nin funciona o goberno nin estes que chaman "sindicatos maioritarios" do Estado español.

Que solución teñen?

Fixemos unha asemblea de desempregad@s. Entramos o outro día nun supermercado para levar comida a unha cociña económica e logo xa tivemos unha chamada desa empresa de alimentación para negociar. É mellor actuar. Calar é outorgar.