25-N | Entrevista

Xosé Cabido: "Se os homes reproducimos o modelo patriarcal, estamos colaborando con aqueles que fan dano ás mulleres"

Xosé Cabido. (Foto: Ena Barbazán)
Xosé Cabido Pérez é profesor de Filosofía e impulsor de obradoiros de igualdade dirixidos a rapaces. Nestas charlas aborda cuestións como o feminismo, o machismo e a sexualidade, facendo fincapé na importancia de formar en igualdade.

-Como definirmos as novas masculinidades?
Prefiro non falar de novas masculinidades, do que se trata é dunha revisión sobre o que significa ser home. Modelos de homes distintos existiron toda a vida: bondadosos, coidadores... Pero estes estiveron ocultos porque só se permitía un modelo de home. Entón ao que se lle chama agora novas masculinidades é ao modelo de homes igualitarios. Trátase de recoñecer como se constrúe o home no mundo patriarcal e até que punto esa forma de construírse non é elixida, ás veces nin sequera desexada.

Se seguimos reproducindo ese modelo, dalgunha forma estamos colaborando con aqueles homes que si fan dano a mulleres e a outros homes. Hai que facer unha crítica a ti mesmo como ser privilexiado e non permitir accións de carácter sexista. Por que? Porque nos vai a vida niso, o patriarcado mata e fai sufrir tamén aos homes. 

-As súas palestras levan por título unha pregunta que aproveito para facerlla: 'É a igualdade cousa de homes?
Claro que é cousa de homes. Nos obradoiros que fago con rapaces, unha das primeiras preguntas que fago é: A quen se dirixe e a quen protexe o feminismo? A maioría obviamente contestan que ás mulleres. Pero o seguinte que cren ou asumen é que é unha ideoloxía anti-masculina. Hai que demostrarlle aos nenos que o machismo mata  mulleres e homes. O feminismo non é só para mulleres, isto é ousado pola miña parte. O feminismo coida e defende os homes, interpélaos, e como tal temos que recoñecer o discurso feminista. Porque vivimos xuntos e porque somos a causa do problema. Creo que o feminismo necesita dos homes para poder triunfar. Necesita que usen o poder e os privilexios que nos dá o patriarcado para loitar polo feminismo.

-Cales son as claves para deconstruírse?
A primeira é desexalo, se non tes vontade non o vas conseguir. A segunda, para min sería, máis que deconstruírse, construírse. O ideal é empezar en Infantil e Primaria a facer modelos educativos igualitarios e educar na sexualidade. Isto é importante porque é moito máis difícil deconstruírse que construírse, e podemos formar unha sociedade igualitaria se o facemos ben. 

-Que condutas machistas son máis habituais?
Primeiro quero mandar unha mensaxe positiva, con respecto ao feminismo e a educación igualitaria, hai un grande avance. Dito isto, segue habendo actitudes machistas, sobre todo de desprezo, burla e  violencia entre homes. E onde si vexo unha gravidade é no tema sexual, aí si que hai moito que deconstruír. Nas charlas todos os rapaces recoñecían que non tiveran educación sexual. Iso é un problema. Onde vexo as condutas máis graves é cando preguntas: Que se espera dun home no sexo? As respostas asustan. Son un imaxinario da cultura da violación.