8-M

Xornalistas Galegas eloxia a perspectiva de xénero nunha compilación de informacións, entre elas unha peza de 'Nós Diario'

Publicación de Xornalistas Galegas nas súas redes sociais.
O colectivo salienta unha entrevista da xornalista Susana Rois á historiadora Ana Cabana publicada en outubro do pasado ano.

A asociación Xornalistas Galegas eloxiou esta quinta feira perspectiva de xénero presente en máis de medio centenar de informacións recompiladas en diferentes medios a modo de selección polo colectivo con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. E, entre elas, unha entrevista publicada o pasado ano en Nós Diario.

A través da súa páxina web e redes sociais, esta asociación busca contribuír á difusión destes traballos e exemplificar por medio deles as recomendacións que rexen o xornalismo en defensa da igualdade e os valores do feminismo.

A compilación inclúe informacións, reportaxes e análises publicados polos medios de comunicación estatais e galegos, ao longo do último ano, nos que se mostra a perspectiva feminista e a "vontade de usar" o xornalismo como "ferramenta contra o machismo". As pezas seleccionadas promoven a visibilización das mulleres "máis aló" de "roles sexistas" e situándoas "como referentes sociais".

Un dos primeiros pasos cara a un xornalismo feminista, salientan, é "garantir a equidade na representación das persoas independentemente do seu xénero, tanto nas fontes da información como na autoría das pezas". Tamén apuntan á importancia de dar visibilidade a mulleres relevantes, "especialmente naquelas áreas acotío atribuídas aos homes", como un elemento esencial "para acabar con estereotipos, teitos de cristal e chans pegañentos".

"Esa demanda de equidade no xornalismo esténdese a todas as identidades de xénero así como a diferentes colectivos infrarrepresentados ou marxinados por cuestións de idade, raza, orientación sexual, clase ou discriminados por calquera outra causa. Precisamos voces diversas", engaden.

A infrarrepresentación, din, tamén afecta as temáticas. "Son moitas as cuestións desbotadas da axenda mediática (ou tratadas con escaso rigor) por se consideraren temas específicamente femininos", proseguen.

E entre estas pezas, o colectivo salienta unha entrevista publicada o 24 de outubro de 2023 en Nós Diario, da autoría da xornalista Susana Rois, á historiadora Ana Cabana. Nesta conversa, Cabana fala da súa obra Cento cincuenta mulleres e ningún home, na que analiza o papel da muller rural nas protestas sociais no campo galego durante o franquismo. Foi un artigo publicado en 2021 que recibiu o premio á introdución da perspectiva de xénero convocado pola USC.