Veto da Xunta

O xornalismo urxe transparencia na repartición de axudas da Xunta á prensa

O Colexio de Xornalistas, o asociacionismo en defensa da lingua e formacións políticas demandan transparencia nas axudas da Xunta. (Foto: Arxina)
Reaccións á exclusión de 'Nós Diario' das subvencións aos medios.

Por segundo ano consecutivo a Xunta excluíu Nós Diario da liña de axudas dirixidas a xornais impresos. Tal e como publicou a pasada quinta feira esta cabeceira, a secretaria xeral de Medios -en funcións o 3 de maio e cesada o día 5-, Mar Sánchez Sierra, acordou "denegar a axuda económica á empresa Sermos Galiza SA para a publicación Nós Diario, por non tratarse dun xornal impreso e distribuído diariamente".

A Administración galega xustificou a súa resolución nun único argumento, o mesmo que exhibiu da última vez. Mantén que Nós non é un 'diario' ao se publicar de terza feira a sábado, malia que a Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), órgano de referencia nas bases reguladoras, define "diario" como a "publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas, catro ou máis días por semana".

A exclusión de Nós Diario en 2021 da repartición de subvencións motivou a presentación dun recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), actualmente en fase de tramitación.

Impulsou, ademais, a denuncia da Mesa pola Normalización Lingüística ante o Consello de Europa polo incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, unha transgresión dun tratado internacional que a entidade volverá levar a Europa.

Unha obriga coa lingua

No seu artigo 11, lembra o presidente Marcos Maceira en declaracións a este xornal, a carta europea recolle o compromiso das partes "a fomentar, facilitar a creación e mantemento de polo menos un órgano de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias". "É moi claro: hai un medio escrito en galego, Nós Diario, e a Xunta nin fomenta, nin facilitou no seu momento nin contribúe ao seu mantemento".

Desta forma, di, incumpre un tratado que o Estado español ten a obriga de executar. Correspóndelle á Xunta, que antes do 1 de agosto de 2023 deberá xustificar ante o Consello de Europa "que fai para que existan medios en galego se o único impreso integramente nesta lingua tamén é o único que non recibe axudas por estar escrito en galego".

Colexio de Xornalistas

O decano do Colexio de Xornalistas da Galiza, Paco González Sarria, sinala a Nós Diario que a decisión da Secretaría Xeral de Medios pon de manifesto a necesidade de porfiar nunha proposta de vello que "para a profesión era fundamental nese novo mandato", o derradeiro de Núñez Feixoo á fronte da Xunta.

"Cando tomou posesión enviámoslle unha carta instándoo á elaboración dunha lei de publicidade institucional que fortalecese o sistema de comunicación coa calidade e o pluralismo como obxectivos", xa que o actual, malia mellorar "métodos precedentes, segue a ser claramente deficiente".

Feixoo marcha sen cumprir ningunha das peticións do Colexio, que xa en 2006 fixo unha proposta, dirixida á Xunta, "para obxectivar a concesión de axudas aos medios": axudas automáticas para medios en galego; axudas directas e indirectas -subscricións a centros dependentes da Xunta, publicidade institucional, deducións fiscais-, axudas para o financiamento de proxectos...

González Sarria urxe un debate entre profesión, expertos e sociedade para fixar uns criterios obxectivos e un baremo que eviten "agravios e discrecionalidade en función dos intereses do momento ou das necesidades económicas de determinados medios".

"Debe primar a obxectividade sobre a discrecionalidade"

Nós Diario quixo coñecer a opinión dos grupos políticos con representación no Parlamento sobre a exclusión desta cabeceira das axudas da Xunta á prensa escrita. Pese ás chamadas realizadas nos últimos días ao gabinete de comunicación do PP, os populares non deron resposta.

Pola súa parte, o deputado do BNG Iago Tabarés sinalou a este xornal que é "paradoxal" que "estas achegas que teñen que estar para fomentar a lingua e a cultura propias da Galiza exclúan os medios que utilizan a lingua galega" e a promoción da cultura galega". "A obxectividade debe estar por diante da discrecionalidade", recalca.

Para José Manuel Laxe, secretario de organización do PSdeG, a Galiza "precisa dunha regulación da publicidade institucional", pois actualmente "carecemos dun marco normativo" e iso fai que "o nivel de discrecionalidade sexa moi amplo e permita situacións anómalas coma as que coñecimos estes días".