Xornada de erradicación de mimosas no Courel o 5 de febreiro

Mimosas na Galiza en xaneiro de 2021. (Foto: Arxina)
C@urel Vivo impulsa unha xornada de erradicación de mimosas, unha especia exótica invasora introducida no século XIX, e sinala que é unha das ameazas máis importantes para a biodiversidade do Courel.

O 5 de febreiro, a formación municipal C@ural Vivo organiza unha xornada de eliminación de mimosas “aberta a todo aquel que desexe colaborar” na erradicación da especie invasora, cuxa terminoloxía científica é Acacia dealbata.

Malia que a organización levou ao pleno do Concello de Folgoso do Courel esta situación en 2018, a proposta de actuación foi finalmente rexeitada, nunha Administración dominada polo Partido Popular, que conta coa maioría absoluta.

Por iso, “cansos de agardar e vendo que do Concello non íamos esperar gran cousa”, aprobaron na súa última asemblea impulsar unha “unha xornada para erradicar mimosas de propietarios que estean de acordo”.

Para participar na actividade, hai que anotarse por medio dun formulario na páxina web da forza courelá.

A erradicación das mimosas desenvolverase, amais de nos terreos nos que a propietaria ou propietario a consintan, seguindo “as indicacións que nos marca a Xunta da Galiza no permiso”.

“No Courel xa hai matas de Mimosas que se non paran a tempo colonizarán ladeiras enteiras”, denuncian, relatando que a introdución de especies exóticas invasoras é unha das ameazas máis importante para a biodiversidade do Courel, e unha das "principais causas de extinción de especies autóctonas”.

Segundo o resultado da xornada, C@urel Vivo abre a porta a facer outras xornadas en zonas diferentes do Courel.

A mimosa é unha especie vexetal invasora que se introduciu no Estado español a principios do século XIX e que entrou na Galiza o século pasado coa chegada do camiño de ferro e como elemento ornamental.

Florece mellor en climas de verán longos e calorosos e a súa tolerancia máxima ao frío impide a súa proliferación en zonas de temperaturas inferiores aos 0°C.