Os xogos tradicionais galegos

Xogo da billarda en Santiago de Compostela. (Foto: Wikimedia).
O verán trae a calma e o tempo necesarios para poder xogar gozando do bo clima en compañía. Os xogos tradicionais galegos, ademais de diversión, recollen unha parte da nosa cultura que cómpre coñecer. A petanca, a billarda, os birlos... son exemplos que pertencen ao patrimonio lúdico galego e que se adoitan practicar no verán. 

É moi habitual relacionar os xogos coas crianzas. Semella que a medida que se van facendo anos, os xogos deixan de estar presentes na vida das persoas. É unha perda que acompaña a perda da infancia. Mais o ser humano, como os animais, precisa xogar e debe facelo ao longo de toda a súa vida; aínda que vivimos nunha sociedade tan centrada no traballo e na produción que moitas veces consideramos o descanso, o pracer e o xogo elementos prescindíbeis.

Numerosos estudos indican que xogar é unha fonte de relaxación e de desconexión que permite, tanto á rapazada como ás persoas adultas, divertirse e desconectar das preocupacións do día a día. A acción de xogar é considerada, en moitos casos, unha terapia, empregada con persoas que sofren ansiedade, estrés ou depresión, cuxos resultados chegan a ser, ás veces, sorprendentes. Isto débese, entre outras moitas cuestións, a que dedicarlle parte do día a xogar estimula o corpo e o cerebro e permite desenvolver a imaxinación e a creatividade de maneira case inconsciente. Talvez por iso, unha das técnicas de aprendizaxe de moda nas escolas é a gamificación (do inglés game) ou aprendizaxe divertida a través do xogo.

Despois dun tempo de confinamento no que o illamento, a soidade e mesmo a claustrofobia prexudicaron a saúde mental de tantas persoas, a acción de xogar permite conectar cos demais e compartir o tempo de lecer. Pasar tempo en familia ou con amizades xogando é beneficioso para a saúde mental das persoas.

Xogos e pandemia

É sabido que o feito de xogar debe situarse ao mesmo nivel de importancia que durmir ben, levar unha dieta saudábel ou facer deporte. Realmente, en numerosos xogos xa vai implícito o exercicio, polo que tamén é positivo a nivel físico, non só psicolóxico. O bo tempo, o uso de espazos abertos e a maior socialización que leva consigo a temporada estival propician a volta ao xogo de crianzas e adultos e, tendo en conta as restricións da Covid-19 que cancelaron tantas festas, celebracións e eventos, os xogos poden ser unha actividade atractiva e sen risco para a saúde durante esta tempada.

Segundo Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, a Galiza posúe hoxe, dentro da Península, un dos catálogos lúdicos máis ricos, talvez só superado, en canto a cantidade e a vixencia dos seus xogos, polos de Euskal Herria. Da maioría dos xogos descoñécese a orixe, mais probabelmente moitos naceron por casualidade, pola necesidade de descansar das tarefas labregas ou de entreter o tempo. Hoxe deben ser recuperados no proceso de normalización do país como unha forma de se divertir pondo en valor a nosa cultura lúdica.

A rede galega do xogo tradicional Brinquedia, cuxo obxectivo é fomentar e promover o patrimonio lúdico galego, recolle que “os xogos tradicionais forman parte da nosa cultura, constrúen a identidade das persoas e transmítense de xeración a xeración”. Se ben os xogos tradicionais galegos parecían esmorecer aos poucos, nos últimos anos foron aparecendo asociacións, redes e colectivos como Brinquedia que pretenden protexer o patrimonio lúdico da Galiza e evitar que os xogos tradicionais acaben desaparecendo. Este auxe por recuperar os xogos tradicionais deuse, e séguese a dar, no territorio galego, mais tamén a nivel europeo, pois moitos países de Europa como outros territorios a nivel estatal entenderon o que suporía a perda deste patrimonio e comezaron actuacións a favor da súa divulgación e protección.

Xogos e nomes

A listaxe de xogos tradicionais galegos conta cun bo número, porén cómpre destacar que os mesmos xogos teñen nomes moi diferentes dependendo do lugar na Galiza onde se atopen; pois, ademais de contarmos cunha gran variedade de patrimonio lúdico, tamén temos unha gran variedade de voces dialectais. Entre os xogos tradicionais máis coñecidos na Galiza están os máis comúns entre a rapazada que se xogan no chan ou nunha mesa, como as bólas, a buxaina ou as chapas. Habitualmente entre os máis novos atopamos aqueles que requiren un maior esforzo físico, para os que cómpre ser rápidos e pillos, como o xogo do pano, o brilé ou a mariola, con moitas variantes dependendo de como prefiran xogar os e as participantes. Outros xogos indispensábeis son a corda ou a goma. E nunha festa infantil non pode faltar o xogo das cadeiras.

No referido aos xogos normalmente relacionados coas xeracións de maior idade, aínda que cada vez máis practicados polas máis novas, atopamos o xogo da chave que, dependendo da zona, presenta diferentes variedades segundo se xogue en Ourense, Santiago de Compostela e Ferrolterra. Con todo, aínda que existan algunhas diferenzas, o obxectivo do xogo é o mesmo para todas. Dun estilo parecido, encontramos o xogo da rá, que consiste en introducir os pellos pola figura da boca dunha ra ou por outros orificios de menor valor. Tamén cómpre destacar os birlos celtas, típicos da zona de Nigrán e Gondomar ou a petanca, moi apropiado para o verán.

Outros xogos indispensábeis son a corda ou a goma. E nunha festa infantil non pode faltar o xogo das cadeiras.

Outro xogo tradicional galego é o da billarda, tamén coñecido como estornela, para o cal se precisan dous paus redondos: o palán, máis grande, e a billarda ou billa, de menor tamaño. Habitúase practicar esta actividade nunha zona cha para que os xogadores e xogadoras non se atopen con ningún obstáculo. O xogo consiste en lanzar a billarda o máis lonxe posíbel até acadar un total de puntos previamente pactado. Esta actividade pódese realizar de maneira individual ou por equipos.

Este xogo tan importante da tradición lúdica galega acaba de conseguir ser considerado unha modalidade deportiva e, polo tanto, de contar cunha federación, que se prevé que comparta organismo coa da chave, co fin de promover as diferentes modalidades de xogos tradicionais en calquera ámbito. Esta noticia coñeceuse o pasado mes de maio deste mesmo ano e foi considerada todo un logro para as persoas xogadoras desta actividade. A federación chamarase Federación Galega de Deportes Autóctonos (FGDA). Outra novidade para os amantes da billarda ao entrar na Federación é o acceso a unha nova páxina web con dominio .gal .