Xogos, concertos e poesía para celebrar os 21 anos da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

Actividades ao redor da muralla anteriores á pandemia (Concello de Lugo)

A conmemoración terá lugar o vindeiro domingo, 28 de novembro. O Concello iluminarase de cor vermella este segunda feira para conmemorar o Día Nacional das Enfermidades Neuromusculares.

Lugo conmemorará o 21º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade o vindeiro domingo 28 de novembro con diferentes actividades como os xogos tradicionais, poesía e música.

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organizou a celebración para o domingo, e non para a segunda feira 30, "para facilitar a asistencia das veciñas e dos veciños a todas as actividades que desexen".

Nas inmediacións da Muralla celebraranse concertos das distintas agrupacións musicais do Conservatorio de Lugo e unha ruta poético musical protagonizada por poetas e instrumentistas da cidade.

Pola mañá realizarase unha mostra de xogos tradicionais no propio adarve da muralla, a cargo da asociación Xotramu.

Día das enfermidades Neuromusculares

Alén diso, o Concello de Lugo pensa iluminar de cor vermella a fachada da Casa Consistorial esta segunda feira 15 de novembro para conmemorar o Día das Enfermidades Neuromusculares (ENM).

Con esta iniciativa, explica o municipio nun comunicado, a institución "busca apoiar o traballo desenvolvido pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galiza), impulsora da iniciativa, para concienciar á poboación sobre esta enfermidade e darlle visibilidade.

Destacan ademais que se coñecen máis de 150 ENM, que pola frecuencia con que se presentan forma parte do conxunto das denominadas 'enfermidades raras'.

Este ano, a Federación Estatal de Enfermidades Neuromusculares (Federación ASEM), e as súas 29 asociacións, puxeron en marcha a campaña 'Capaces15N'.