MANUEL RODRÍGUEZ DOVAL, COORDINADOR DE ´VOLTAR Á TERRA’

“O que está en xogo coa emigración é a continuidade do país”

Manuel Doval

Entrevistamos a Manuel Rodríguez Doval, voceiro da recén presentada plataforma ´Voltar á Terra".


Manuel Rodríguez Doval é un dos miles de pais e nais galegos que viron marchar nos últimos anos aos seus fillos e fillas do país. En Ares, a vila onde reside e foi alcalde polo BNG, case non queda mocidade. Unha situación que se repite en cada recuncho da Galiza, que perdeu 200.000 habitantes dende 2007. Ante a magnitude do problema, que para Doval compromete o futuro do país, decidiron dar un paso ao fronte e crear a plataforma ‘Voltar á Terra’.

- Como xorde a plataforma?

Naceu cunha posta en común, cunha reflexión ao fío dos datos sobre emigración que saían á luz. Tamén porque estaba a ocorrer no noso entorno. No meu caso, teño unha filla, que leva dous anos fóra, e dous sobriños que traballan no estranxeiro. Non podíamos permanecer quietos ante esta situación. Comezamos contactando con mozos e mozas emigrados, ou que estaban a piques de facelo. De aí saíu un compromiso de que había que mobilizarse para frear esta emerxencia.

- Cal é a realidade da emigración? O alcance do problema?

Os datos dos últimos meses son claros. As cifras subiron dunha forma crítica, non é alarmismo. Até o punto de que este fenómeno compromete o futuro do país. Vese ben no problema demográfico. Non é só que Galiza teña unha poboación envellecida, e que a pouca xente nova marchou ou está marchando do país. Isto inverte a gráfica, en termos saúde, e sube a idade media. E non se resolve como pretende a Xunta con campañas de natalidade, senón permitindo que a mocidade teña dereito a traballar e vivir na súa terra. Só unha vintena de concellos galegos contan hoxe con suficiente poboación nova como para asegurar o seu futuro.

- E por onde pasan as solucións?

- O primordial é impulsar políticas que defendan o esqueleto produtivo do país, o agro, a mar, o naval, que permitan reactivar estes sectores. E logo con verdadeiras políticas de emprego xuvenil e de acceso á vivenda. Nos ámbitos onde se podería amortecer a emigración, estase a agudizar. É evidente que ao PP interésalle que continúe a sangría, mata dous paxaros dun tiro. Por un lado, amordaza calquera contestación social ou revolucionaria que podería impulsar a mocidade. E por outro, resolve o problema de falta de traballo obrigándoos a emigrar, mentres defende sen vergoña que así coñecen outras culturas. 

- Que obxectivos ten a plataforma?

- Arrancamos coa primeira fase, de debate e información, de poñer en común e dar a coñecer en profundidade o fenómeno. Tamén queremos aumentar a rede de contactos, con máis afectados e afectadas que están espallados polo mundo, e sumar apoios de organizacións e partidos políticos. Contamos coa Coordinadora de Emigrantes Galegos Retornados, que malia ter a súa propia problemática, uniuse rápido ao movemento. Elas tamén sufriron a emigración hai catro e cinco décadas. Dende o organizativo estamos en xermolo, pero o obxectivo é presionar as institucións para frear esta situación. Temos que ser conscientes de que o que está en xogo é a continuidade do país. Xa o dicía o poema de Rosalía: ‘Galiza, sen homes quedas que te poidan traballar’. E por iso queremos facer un chamamento, a que o debate entre na campaña electoral”.