Nace ‘Voltar á Terra’, unha plataforma para retornar a miles de galegas emigradas

Critican a falta de políticas de emprego impulsadas pola Xunta que obriga a centos de mozos e mozas a emigrar e aseguraron que, sen a mocidade, Galiza será un “país enfermo”.

 

“Temos dereito a vivir na nosa terra”. Con este berro unánime rematou a presentación da plataforma ‘Voltar á Terra’. Unha iniciativa impulsada por un grupo de emigrantes espalladas polo mundo para esixir o regreso de miles de galegas e galegos, obrigadas a emigrar ante a falta de oportunidades laborais na Galiza, e concienciar do problema á sociedade do país.

Dende 2007, a emigración afectou a tres de cada catro fogares galegos e cerca de 200.000 persoas abandonaron Galiza .

O coordinador da plataforma, Manolo Do Val, pai dunha moza emigrada, recordou que dende 2007 abandonaron Galiza cerca de 200.000 persoas, unha cifra que equivale á poboación de Ferrol e Lugo xuntas. Do Val sinalou que a emigración afectou a tres de cada catro fogares galegos, “dando un novo pulo a sangría emigrante que nunca deixamos de padecer”.

A presentación tivo como momento central a proxección dun vídeo onde varias mozas e mozos galegos emigrados por todo o mundo manifestaron o seu desexo de voltar a Galiza. Criticaron a falta de políticas de emprego impulsadas pola Xunta e aseguraron que, sen a mocidade, Galiza será un “país enfermo”.

Concienciar e cambiar as políticas

Está é a situación de mozas coma Natalia Cabana, que emigra cara Inglaterra o vindeiro martes. “Voltar á Terra nace coa vontade de xerar conciencia entre as persoas que viven na Galiza e as que que tiveron que emigrar, esixindo entre todas cambios políticos que nos permitan vivir dignamente no noso país e emigrar cando queiramos, e non cando nos vexamos obrigadas a facelo”.

A plataforma presentouse esta sexta feira na Galería Sargadelos. ‘Voltar á Terra’ naceu do traballo dun grupo de emigradas, co apoio da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Galegos Retornados e da Asociacion de Emigrantes Retornados Marusía. Tamén estiveron no acto representantes de Quempallou e o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera. 

Xosé Lois Leirós, da Coordinadora Nacional, recordou que hai varias décadas viviron unha situación similar. Fixo un chamamento a fornecer ferramentas propias coma a plataforma para rachar o círculo de dependencia que forza a emigrar a centos de galegas, apuntan nun comunicado.

Por iso, iniciaron unha recollida de apoios na súa web para “facer valer os nosos dereitos diante de institucións que terían que representarnos e non forzarnos a marchar”.