Xinzo de Limia mobilízase para recuperar a atención pediátrica: "A Xunta négase a dar solucións"

Asistentes a mobilización en Xinzo de Limia. (Foto: Nós Diario).

A Xunta deixa Chantada con dous médicos para 8.000 persoas.

Veciñanza de Xinzo de Limia manifestouse esta sexta feira para reclamar a volta dos servizos de Pediatría ao Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade. Así, varios centos de persoas marcharon polas rúas de Xinzo para exixir a restitución do servizo de Pediatría.

A mobilización desta sexta feira é a segunda que protagoniza o municipio tras a decisión da Xunta da Galiza de deixar sen pediatras o PAC do concello, onde sen emprazaban os dous únicos profesionais que atendían as 1.700 crianzas dos municipios de Baltar, Os Brancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

A Plataforma Loita Pediátrica na Limia, entidade promotora da manifestación, demandou que "se dote o sistema sanitario dos medios necesarios para que estes sanitarios poidan exercer a súa profesión nunhas condicións dignas e atractivas". Tamén emprazaron a Consellaría de Sanidade a "tomar medidas" para que "non se desmantele todo o sistema sanitario público da Galiza”.

O voceiro do BNG en Xinzo de Limia, Camilo Vila, é da mesma opinión. O nacionalista explica os recortes en materia de sanidade no concello limián como “consecuencia da falta de vontade política do Partido Popular por manter os servizos sanitarios no rural” e lamenta que a Xunta da Galiza "se negue a dar unha solución a esta cuestión".

Recortes en Chantada

Chantada, na comarca homónima, tomará hoxe o relevo de Xinzo de Limia. O municipio é un caso paradigmático do desmantelamento da sanidade pública na Ribeira Sacra. O concello, cunha poboación de 8.006 persoas, ten asignadas 10 prazas de persoal médico pero só tres delas estaban cubertas esta sexta feira.

Neste sentido, a voceira do colectivo Chantada Quere Sanidade, Mar Maciñeiras, sinala a Nós Diario que “se ben o último día había tres médicos, durante todas estas semanas anteriores só estivemos atendidos por un ou por dous”.

A falta de persoal sanitario déixase notar, tamén, na área de Enfermaría. Neste caso, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) recolle 11 prazas de enfermaría no centro de saúde na localidade, mais só tres delas están cubertas. A maiores, o servizo de Pediatría non é prestado por un especialista, senón por un profesional de Medicina de Familia con curso de puericultura, non sendo substituído cando se atopa de baixa.

As consecuencias desta situación están provocando un deterioro da calidade asistencial. Segundo sinala Maciñeiras, “nas semanas pasadas, a falta de médicos levou os que estaban traballando a só cubrir as urxencias, non prestando asistencia ordinaria e non podendo realizar a cobertura de receitas”. Ao tempo, os retallos sanitarios da localidade impactan no veciño concello de Carballedo, cuxa veciñanza está adscrita ao PAC de Chantada.

Maciñeiras advirte de que “a situación agrávase cada mes ou case cada semana” e denuncia “unha clara postura de inacción e banalización do problema por parte da Administración sanitaria”. Nesta liña, apunta que a mobilización de hoxe ten o obxectivo de que “se revertan as políticas que impiden unha digna atención aos usuarios da sanidade” e amósase satisfeita polo apoio recibido, até o punto de que bares e comercios fecharán as súas portas coincidindo coa mobilización