Sanidade pública

Os recortes da Xunta deixan sen pediatra 5.086 crianzas da área sanitaria de Ourense

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, no centro, antonte en Xinzo. (Foto: Xunta da Galiza).

O Carballiño sairá de novo á rúa o domingo para demandar a recuperación da asistencia pediátrica na zona. A problemática xurdida nesta comarca é común a doutras zonas da área sanitaria de Ourense. 84 concellos da mesma carecen deste servizo nos seus centros de saúde.

O Punto de Atención Continuada (PAC) do Carballiño ten asignadas dúas prazas de Pediatría pero desde o pasado mes de setembro permanecen vacantes. A falta de profesionais deixa sen asistencia 2.312 crianzas da comarca do Carballiño, formada polo concello homónimo e os municipios de Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

A voceira da Plataforma en defensa da sanidade pública do Carballiño, Paula Fernández, sinala a Nós Diario que “o vindeiro domingo imos evidenciar o noso malestar cunha cazolada e manifestación polo centro da vila, porque non é de recibo que cada vez que un dos nosos fillos enferma debamos acudir ao servizo de Urxencias do hospital de Ourense ou á sanidade privada”.

A situación da comarca do Carballiño repítese na Limia. Nesta zona, a  Xunta da Galiza deixou sen pediatras o Punto de Atención Continuada (PAC) de Xinzo de Limia, onde sen emprazaban os dous únicos profesionais que atendían as 1.700 crianzas dos concellos de Baltar, Os Brancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

O panorama é, tamén, moi complicado na comarca de Verín. Malia que o PAC da localidade conta con tres prazas de Pediatría, só unha delas está cuberta, véndose obrigado este profesional a atender 2.013 crianzas desa comarca e outras 455 da área de Viana. Precisamente, á volta de 2019 o distrito sanitario de Verín serviu para evidenciar a realidade desta especialidade médica.

Os recortes da Xunta da Galiza nos servizos de Pediatría déixanse notar de forma moi acusada na área sanitaria de Ourense. Actualmente, as comarcas da Baixa Limia, A Limia, O Carballiño, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Viana carecen deste servizo, o que significa que 5.086 crianzas non están a recibir atención sanitaria por parte de persoal especializado. Asemade, agás na Limia e no Carballiño, o resto das referidas comarcas non contan nos seus centros de saúde con prazas de pediatras.

A área sanitaria de Ourense está conformada por 92 concellos pero só en oito deles prestan asistencia pediátrica. Esta realidade obriga os país e as nais do groso dos municipios da circunscrición a acudir coas súas crianzas á sanidade privada ou ás urxencias do hospital de Ourense para ser atendidos, cos problemas que xera ao tratarse en moitos casos de viaxes moi longas. A maiores, a ausencia desta servizo en Atención Primaria favorece o colapso das urxencias hospitalarias.

Unha parte das 33 prazas de pediatra existentes na área ourensá permanecen vacantes durante diversos períodos do ano. A maiores, dos casos xa citados do Carballiño, Verín e Xinzo de Limia, o número de profesionais é inferior ao estabelecido pola Xunta da Galiza en concellos como Barbadás (comarca de Ourense), Celanova (Terra de Celanova) ou Ribadavia (O Ribeiro). Outro tanto acontece na cidade de Ourense, onde están sen cubrir cinco das 18 prazas recollidas pola Consellaría de Sanidade.   

Unha porcentaxe das prazas de Pediatría non están cubertas por especialistas, senón por médicos e médicas de familia, nun casos con curso de puericultura e noutros non. A este respecto, Vanesa Viquendi, voceira do colectivo Pediatras e Matronas Xa!, sinala que “unha parte dos médicos de familia que atenden prazas de Pediatría néganse a medicar a nenos menores de dous anos por responsabilidade e derívanos ao centro de referencia ou ás propias urxencias dos hospitais”.

Fuga de profesionais

Os datos da Xunta apuntan a un empeoramento da situación nos vindeiros anos. As cifras do Servizo Galego de Saúde para 2022 sinalaban que 88% de pediatras da Galiza en activo tiñan máis de 50 anos, 43% deles máis de 55 anos, 38% máis de 60 e 26% máis de 65 anos. Precisamente, as condicións laborais fixadas pola Xunta están a provocar unha fuga de profesionais cara a  fóra da Galiza.