A xestión multifuncional do territorio, a máis resiliente fronte aos incendios

Zona vexetal afectada polo incendio de Folgoso do Courel o pasado 18 de xullo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O cambio climático e o modelo produtivo están a mudar, por xunto, o impacto dos fogos forestais no territorio. Son máis virulentos e impredicíbeis nun escenario marcado pola desconexión entre o medio rural e as comunidades locais que o habitan.

David Soto, profesor de Historia Económica na USC e investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac), vén de compartir no congreso anual da Sociedade Europea de Historia Ambiental (Bristol, Inglaterra) a súa experiencia nunha sesión dedicada a analizar a relación entre os incendios e a o cambios produtivos na agricultura no longo prazo. A conclusión final é que o que pasa na Galiza está a pasar tamén noutros sitios. "En ámbitos moi diferentes obsérvase unha constante: a ruptura entre comunidades, agricultura local e manexo do territorio". Esta desconexión, admite, incrementa o risco de incendio e agrava as consecuencias.

Soto láiase de que só se fale de incendios cando o lume avanza sen control. "É lóxico, pero dificulta moito un debate público sobre a cuestión". Neste sentido censura a busca de culpábeis e conspiracións que adoita desatarse cando comeza a arder o monte, sen outra perspectiva que facilite a procura de solucións globais.

Un problema contemporáneo

O profesor da USC avoga por analizar a cuestión dos incendios forestais desde unha distancia maior que permita observar as causas estruturais do lume, non só as causas inmediatas e os intereses concretos, "que foron mudando co tempo".

O lume, aclara, é un mecanismo ecolóxico básico. "Outra cousa é o lume como problema contemporáneo vinculado a sociedades moi industrializadas e cun modelo agrario concreto". Como problema contemporáneo é moi recente. Comeza nos anos 70. "Até entón os datos din que había incendios pero en número limitado e cunha capacidade de afectar o territorio relativamente reducida, e iso malia o uso histórico do lume como ferramenta para o manexo das terras por parte do campesiñado". 

O feito de que a agricultura e a gandaría industrializada dependan cada vez menos do territorio para funcionar fai que queden enormes espazos de monte sen vínculo ningún coas comunidades que os habitan

Así, para entender por que arde o monte como o fai agora, David Soto chama a reparar na mudanza estrutural que se deu no último terzo do século XX.  "Que cambiou? A reposta que dá a historia agraria e ambiental da Galiza sinala un factor central: a ruptura dun modelo de xestión do territorio integrado. O feito de que a agricultura e a gandaría industrializada dependan cada vez menos do territorio para funcionar fai que queden enormes espazos de monte sen vínculo ningún coas comunidades que os habitan". 

Rómpense os vínculos identitarios, racha a capacidade da poboación rural para xestionar o territorio e o monte fica abandonado, cunha mora de espazos sen manexo onde a biomasa se acumula durante anos, "con máis árbores dos que nos podemos permitir e en sitios até onde non deberan chegar". Este foi o camiño no que se avanzou na segunda metade do século XX, "primeiro coas regulacións forestais da ditadura, que impuxeron manu militari determinado modelo de xestión territorial e logo coa acción privada".

A desconexión entre territorio e comunidades locais, di Soto, non é irreversíbel, "pero exixe unha serie de mecanismos  que nos permitan discutir en condicións sobre que futuro queremos para o rural". E aí entran en xogo as políticas públicas, "moi afastadas desa lóxica de recuperar a interacción entre espazos" e as propias dinámicas sociais. "Hai moitos propietarios de terras na Galiza que toman decisións, e que teñen consecuencias sobre o territorio", en parte cheo de eucaliptos e en parte profundamente abandonado.

Experiencias con futuro

Con todo, advirte, hai moitas experiencias distintas no territorio, tanto colectivas, en distintos montes veciñais en man común, como individuais, que están funcionando moi ben e introducindo mecanismos de manexo multifuncional do territorio, "con bastante éxito para o control do lume". E ademais hai experiencias de carácter agroecolóxico no territorio que tratan de pensar unha forma distinta de gandaría e agricultura, mais asentadas no territorio. E todo isto, nun contexto favorábel. "Os acordos contra o cambio climático no seo da UE apuntan nesta dirección. Van chegar políticas públicas que podemos usar para fomentar este tipo de experiencias. É factíbel, pero temos que ser capaces de aproveitalas".