A Consellería de Medio Rural puxo ao dispor da cidadanía, no seu portal web, os primeiros mapas e informes do Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG). En concreto, poden consultarse os mapas de usos da cuberta para os concellos de Carral e Abegondo, Alfoz, Laza e Oia.
Trátase dunha serie de mapas forestais creados mediante o uso de imaxes de satélite de diferente resolución e os datos capturados polas brigadas de campo. Cabe destacar que estes labores enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela coa Consellería do Medio Rural.
Así, a Universidade de Vigo complementa esta información con mapas de dispoñibilidade do recurso, incorporando variábeis como a forma, a superficie ou a pendente da parcela e mesmo a súa distancia a pistas e estradas, como posibles condicionantes na xestión dos bosques.
Pola súa banda, a USC presentou uns informes detallados dos resultados obtidos no inventario piloto da rede base de parcelas forestais que se mediron ao longo do ano 2021 por brigadas forestais.
O obxectivo deste avance de contidos é mostrar ás principais organizacións que compoñen o sector forestal galego e a todas as persoas interesadas a información que se pretende xerar para toda a superficie forestal da Galiza.
Ademais, trátase tamén de recoller a súa opinión e de incorporar melloras ou cambios froito do que remitan estas entidades.
Novidades no portal web
Así mesmo, a Consellería de Medio Rural informou de que traballa xunto á Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza nun portal web que permitirá navegar polos mapas, acceder á información das parcelas e descargar os informes de especies e volumes de madeira dos montes galegos.
A Xunta destacou que este Inventario é un instrumento básico para coñecer e recoñecer a realidade da superficie forestal da Galiza e avanzar así nunha mellora da súa xestión.
Deste modo, "trátase dun mecanismo que permite facer diagnósticos adecuados e que constitúe unha ferramenta para a toma de decisións políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector, que permitirá profundar no desenvolvemento sostible do medio rural, a favor da política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificábel", apuntan desde Medio Rural.
Desde a UVigo, pola súa parte, engaden que para este traballo estase a empregar tanto imaxes do satélite WorldView, "o que implica traballar con 19.000 millóns de píxels no mapa de toda Galiza”, como as xeradas polos satélites Sentinel da Axencia Espacial Europea. O obxectivo, din, é desenvolver algoritmos que permitan "automatizar" a interpretación destas imaxes, de tal forma que sexan capaces de identificar unha serie de variábeis, como a especie presente en cada superficie, á vez que ir actualizando a información ao longo dos anos.