Baltar dálle as costas a Feixoo a conta de Verín

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.
O pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade unha moción conxunta do Grupo Popular, Democracia Ourensana e Ciudadanos para
a defensa dos servizos do Hospital de Verín. Ás portas do Pazo Provincial o colectivo social e sanitario da comarca reivindicou un compromiso serio de todos os grupos políticos, máis aló das boas intencións.

O pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade a moción conxunta de Partido Popular (PP), Democracia Ourensana (DO) e Ciudadanos (Cs) para exixir a reapertura do paritorio de Verín. O acordo chegou após un longo debate, que ademais de contar co enfrontamento entre os deputados promotores da iniciativa e o socialista Rafael Rodríguez Villarino, tamén se viu interrompido en varias ocasións polas apreciacións dos membros do público chegados desde a comarca, en representación da plataforma en defensa da sanidade pública de Monterrei.

Malia a aprobación definitiva por parte de todos os grupos e deputados, PP, DO e Cs mantiveron unha tensa discusión con Villarino, para quen pedían a reprobación por "practicar a manipulación, a mentira e o insulto" sobre o feche da sala de partos. Acusan o deputado socialista de "falsear" a realidade cando afirma que na acta do pleno anterior PP, DO e Cs "votaron en contra" da continuidade do paritorio comarcal, para despois modificar a súa posición "ao verlle as orellas ao lobo".

Reprobación do portavoz socialista

Na súa defensa, o deputado popular Rosendo Fernández asegurou que o seu partido sempre estivo en contra do fechamento da sala de partos, "desde o minuto un". Ademais, presumiu de ser, canda o resto do seu grupo, un dos impulsores da "primeira moción sobre o Hospital de Verín" que chega ao pleno da Deputación. Pola súa banda, a deputada de Cs Montse Lama cargou contra Villarino por usar con fins partidistas unha reivindicación social clave para o futuro da comarca.

Finalmente, o deputado socialista foi reprobado, tamén cos votos do seu grupo, após botarlles en cara aos seus rivais políticos que empregaran unha única moción para reivindicar o futuro sanitario do hospital comarcal e censurar o seu comportamento. "Vou ser reprobado", recalcou, "pero vouno ser con gusto".

Tanto Villarino como o nacionalista Bernardo Varela mantiveron que a clausura do servizo de urxencias pediátricas e do paritorio é "un problema político" e aproveitaron para lle botar en cara ao PP os votos dos deputados populares ourensáns no Parlamento en contra da reapertura dos servizos fechados o primeiro de decembro, unha iniciativa do BNG que contou co apoio de todos os grupos da oposición na Cámara galega.

Por unha calidade asistencial equitativa

Se en algo estiveron de acordo todos os grupos políticos ourensáns foi en pedirlle á Consellaría de sanidade que dote manteña e mellore os servizos que se viñan prestando no Hospital de Verín co fin de garantir a calidade asistencial da veciñanza das comarcas de Verín, Viana e Valdeorras en igualdade de condicións e oportunidades, concretamente o servizo de partos.

A plataforma cidadá en defensa da sanidade pública de Monterrei laiose do cachondeo político exhibido durante a celebración do pleno.

Neste sentido, tamén se manifestou a plataforma en defensa da sanidade pública de Monterrei, presente durante o debate da moción. Máis de medio cento de persoas concentráronse diante do Pazo Provincial para protestar polo deterioración da atención sanitaria na comarca. En representación do colectivo un grupo de veciñas e profesionais sanitarias levaron ao debate político as súas reclamacións, que pasan por un compromiso real de todas as forzas que desemboque na reapertura das urxencias pediátricas máis da sala de partos. 

Encontro con Baltar

Con todo, o colectivo social e sanitario denuncia o "cachondeo" que se viviu no salón de plenos da Deputación, e o feito de que os impulsores da moción non lle dedicaran un protagonismo escrupuloso á reapertura dos servizos sanitarios comarcais, mesturando esta demanda coas súas leas políticas.

As urxencias pediátricas clausuradas estaban previstas e programadas ata o mes de maio con gardas rotatorias de pediatras procedentes do Hospital de Ourense.

Segundo recoñeceu Aurora Sola, portavoz, en conversa con Sermos Galiza, após a celebración do pleno, mantiveron un encontro con José Manuel Baltar, a quen lle reclamaron accións ademais de "boas palabras" e xestos tan significativos como o da moción. "O deber dos deputados autonómicos é o de defender os intereses da cidadanía ourensá. De non o facer, estamos dispostos a castigalos nas urnas", asegurou Sola.

Representantes das traballadoras do Hospital de Verín trasladáronlle a Baltar "a problemática real que atravesan". Segundo denunciaron, as urxencias pediátricas clausuradas en decembro, "estaban previstas e programadas ata o mes de maio, que é cando sairá unha nova promoción de profesionais; e estaban contempladas con gardas rotatorias de pediatras procedentes do Hospital de Ourense". Polo tanto, incide Sola, "os argumentos da Xunta tampouco se sosteñen". Baltar, di, prometeu "o esforzo de seguir traballando pola reapertura do paritorio".