A Xerencia da área sanitaria de Pontevedra deixou catro PAC sen persoal médico en Fin de Ano, denuncia a CIG

Ambulancia do 061 (Foto: Nós Diario)
As ambulancias cubriron a quenda das 15 horas do día 31 de decembro ás 8 horas do 1 de xaneiro nos PAC de A Parda e de Baltar, que estaban sen persoal médico.

A federación de saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) denunciou a contratación de dúas ambulancias medicalizadas cun contrato externo, sen que o cadro de persoal que traballaba nesta Fin de Ano, os PAC e o 061 tiveran información da súa existencia.

As ambulancias cubriron a quenda das 15 horas do día 31 de decembro ás 8 horas do 1 de xaneiro nos PAC de A Parda e de Baltar, que estaban sen persoal médico.

Estas dúas ambulancias de clase C, destinadas a proporcionar soporte vital avanzado, estaban dotadas de persoal técnico de emerxencias sanitarias e de persoal médico, externos ao Sergas e sen autorización para acceder á historia clínica electrónica dos pacientes.

O persoal médico, ao non ser contratado polas canles estabelecidas na contratación temporal de persoal estatutario do Sergas, non tiña capacidade para acceder ao historial clínico das persoas que demandaban asistencia sanitaria nin podían prescribirlles medicación, e tampouco potestade para traballar dentro dos centros sanitarios.

A información que trasladou a Xerencia de Pontevedra sobre centros sanitarios afectados polas faltas de cobertura, non recollía a contratación destes “servizos externos” nin as competencias a desenvolver por estas profesionais. Como aparece neste recorte da información facilitada pola Xerencia aos PACs e 061.

A CIG-Saúde denuncia a falta de transparencia e información neste tipo de contratacións, que dificulta a necesaria coordinación dos recursos sanitarios para atender urxencias e emerxencias; o que leva a que se produza inseguridade entre as persoas atendidas, xa que o cadro de persoal non podía acceder á historia clínica para a valoración máis axeitada dos antecedentes e poder facer un diagnóstico e tratamento con máis información.

O mesmo órgano culpa que o Xerente da Área sanitaria de Pontevedra O Salnés, ex xerente do 061 e do Sergas, realice este tipo de contratacións, nestas condicións, que xeran inseguridade para o persoal da Atención Primaria e do 061.

Dispositivo "correcto"

Con todo, por parte da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, destacaron que o funcionamento do dispositivo "foi correcto" e que se desenvolveu sen incidencias.

En concreto, a área explicou que se dispuxo dun "dispositivo preventivo na cidade de Pontevedra e Sanxenxo" para este Fin de Ano, un "dispositivo especial" que "contaba con dúas ambulancias medicalizadas situadas cada unha delas nas dúas cidades mencionadas" para "dar asistencia a todos aqueles episodios que puidesen suceder con motivo da celebración da última noite do ano e a maior afluencia de persoas".