Até 4.500 sinaturas para debater no Parlamento a recuperación dos "salarios roubados en 2009" ao persoal do Sergas

A CIG exixe que se fagan efectivos os acordos entre o Executivo galego e os profesionais, recollidos no DOG.
Concentración de CIG-Saúde esta sexta feira en Santiago de Compostela
photo_camera Concentración de CIG-Saúde esta sexta feira en Santiago de Compostela

A CIG-Saúde rexistrou esta sexta feira 4.500 sinaturas para que se debata unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) no Parlamento galego pola que reclaman para os e as profesionais do Sergas a "recuperación dos salarios roubados no ano 2009", após a "derrogación dos acordos en Mesa Sectorial e publicados no DOG".

Así o manifestou en declaracións aos medios na entrada do Parlamento galego o responsábel de CIG-Saúde, Manuel González, quen subliñou que se trata dunha contía que "formaba parte" xa das súas retribucións.

"Eran uns acordos que tentaban retribuír a actividade máis penosa que se realiza no sistema: as gardas ou os excesos de xornada, a nocturnidade ou a festividade ou as quendas rotatorias e de poñer os salarios no nivel medio do resto de salarios do sistema de saúde de todo o Estado", explicou.

Respecto diso, o responsábel de CIG-Saúde puntualizou que "ese era o obxectivo do acordo retributivo" e, lembrou, "na lei de acompañamento dos orzamentos que entraron en vigor en 2010 derrogáronse eses acordos publicados no DOG" e deixaron "de percibir esa parte" dos salarios.

Outras administracións si recuperaron eses salarios

González explicou que, aínda que "noutras administracións co paso dos anos fóronse recuperando acordos e salarios coa desculpa de que a situación mellorara", "houbo unha suposta recuperación económica que ao persoal do Sergas non chegou nunca".

"Por tanto, entendemos que é unha débeda que ten a Administración cos traballadores da sanidade", explicou, para despois engadir que "o que estamos a pedir é o que xa tiñamos acordado e publicado no DOG, que formaba parte do noso salario e chegou o momento de que se nos devolva".

"Queremos que está na axenda parlamentaria para que esa parte das nosas retribucións xa acordadas e publicadas no DOG sexa recuperada nos orzamentos de 2023", concluíu.

O portavoz de CIG-Saúde estivo acompañado doutros compañeiros e compañeiras do sindicato, chegados de varios puntos da Galiza.

Comentarios