O xeoparque do Courel

Non hai lugar no país que non garde un monumento patrimonial, paisaxístico, etnográfico ou xeolóxico. O xeoparque Montañas do Courel, nos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, é unha mostra máis disto. A vista a esta comarca é unha obriga inescusábel para aqueles que gusten da natureza e da cultura.

O 13 de abril de 2019, o territorio Montañas do Courel, conformado polas terras de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, converteuse no primeiro xeoparque da Galiza amparado pola Unesco. O organismo dependente das Nacións Unidas resolvía así aceptar a solicitude presentada por estes tres concellos, incorporándoos a un club selecto do que só facían parte 140 territorios no mundo e 12 no Estado español.

O recoñecemento desta zona pola Unesco foi resultado dun longo traballo de anos. Se ben a candidatura formalizouse á volta de novembro de 2017, a proposta tivo que percorrer un longo camiño até ser aceptada pola comisión española de cooperación con este organismo. Un momento chave para o éxito da iniciativa foi a visita á zona, en xullo de 2018, dos auditores da Unesco Sophie Justice e Zhang Jianping, que ficaron impresionados co alto valor xeolóxico e cultural da área, así como coas posibilidades do seu aproveitamento turístico e educativo.

Patrimonio xeolóxico singular

Un xeoparque é un territorio que conten tanto un patrimonio xeolóxico singular como unha estratexia de desenvolvemento propia. O espazo presenta uns límites claramente definidos, neste caso conformado polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, unidos de vello por fondas relacións históricas e mesmo administrativas así como por uns recursos ambientais e patrimoniais que permiten formalizar un destino completo e diverso, cunha ampla oferta complementaria.

A aposta dos xeoparques céntrase na riqueza xeolóxica dun territorio e na calidade de vida das súas xentes. Así, pretenden empregar os recursos xeolóxicos, mineralóxicos, xeofísicos, xeomorfolóxicos, paleontolóxicos ou xeográficos como base para a promoción do patrimonio, promovendo a educación en aspectos xeolóxicos e medioambientais, asegurando o desenvolvemento sostíbel fundamentado no xeoturismo, e contribuíndo á protección dos puntos de interese xeolóxicos ameazados.

O territorio Montañas do Courel é o escaparate perfecto para observar a historia que abrangue desde o Paleozoico inferior e medio, e en menor medida tamén finais do terciario e cuaterciario. Este zona, situado sobre o Macizo Ibérico, está constituído polas rochas que van desde o Neoproterozoico ao Carbonífero e conserva numerosos elementos singulares referidos tanto á estratrigafía como a tectónica, producida póla Oroxenia Varisca, co gran Sinclinal Tombado do Courel como referencia desta área xeográfica do globo terráqueo.

Unha historia de 300 millóns de anos

A orixe da formación xeolóxica do Courel remóntase a hai 300 millóns de anos, coincidindo coa coñecida como Oroxenia Hercínica. O choque de continentes producido neste momento provocou a aparición das primeiros macizos desta serra. A continuación estes macizos sufriron a erosión e fóronse desgastando até que na Oroxenia Alpina de hai 60 millóns de anos, os bloques levantáronse e os ríos encaixáronse nas liñas de fractura das fallas, aparecendo así os actuais desniveis de máis de 1.000 metros de altitude entre os cumios dos montes e os vales dos ríos. O conxunto das características xeolóxicas agrupadas neste ámbito territorial é o que lle dá unha distinción e un valor espacial a este espazo. Ao tempo, na zona encóntranse numerosos vestixios paleontolóxicos, mineralóxicos, metaformismo, glaciarismo, cavidades Kársticas, que xeran un marco diferencial, aumentan a súa significación até convertela nunha das áreas xeolóxicas máis diversas do Estado español.

Un xeoparque fundaméntase nas súas peculiaridades xeolóxicas pero vai máis alá. Así, a canda esta formación xeolóxica de relevancia internacional atopámonos cun patrimonio histórico, natural e cultural de gran relevancia. Neste sentido, merece unha especial atención o tesouro botánico conservado no Courel, onde aparecen mesturadas as vexetacións características dos climas de tipo atlántico e mediterráneo. Deste modo, predominan os bosques formados por carballos nas zonas baixas e as carbas e os cerquiños a partir dos 1.300 metros de altitude.

A devesa da Rogueira

A devesa da Rogueira é un dos bosques máis famosos do Courel e unha das xoias botánicas da Galiza. Situada ao pé monte de Formigueiros e conformada polo rego da Rogueira, un afluente do río Lor que lle dá forma de anfiteatro, esténdense desde 750 até 1.400 metros de altitude, caracterizándose por unha gran diversidade natural derivada da pluralidade dos seus solos e de atoparse nunha zona de confluencia de diversos climas de tipo atlántico e mediterráneo. Alí, pódense atopar 40% das especies vexetais do país, 40% das variedades de cogomelos e 30% das variedades de liques.

A área do Courel conta cunha fauna moi rica en función dos seus diversos hábitats. Á propia presenza do oso, recuperado na última década após arredor de 100 anos desaparecido destas montañas, nas áreas altas xúntanselle lobos ou corzos, a canda aves como lavercas, azulentas, picas ou aguia real. Ao tempo, nos regos, lagoas e zonas húmidas abondan pintafontes que comparten espazo coas estrozas, alimentándose das larvas acuáticas dos insectos.

Os bosques, soutos e devesas representan un lugar único para moitos animais que atopan a súa protección nas raíces ou nos troncos ocos, sinalándose entre estes xenetas, leiróns ou petos. As pólas das árbores dan resgardo a toda unha multitude de paxaros como paporroibos ou ferreiros que partillan espazos con azores e bufos pequenos, servindo os tocos ou as árbores vellas de refuxio a moitos invertebrados, algúns deles en perigo de extinción como a vacaloura ou o escaravello de longos cornos.

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.