Os xemelgos policías de Ourense mataron o seu compañeiro tras roubar armas na comisaría, segundo a xuíza instrutora

Un axente e un vehículo da Policía española. (Foto: Policía).

A Fiscalía pedira en varias ocasións o sobresemento do caso ao entender que se trataba dun suicidio. A maxistrada instrutora pide agora a transformación das actuacións en procedemento.

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense considera que existen indicios para concluír que os dous xemelgos axentes de Policía española en Ourense mataron o seu compañeiro dun tiro na cabeza despois de roubar armas no búnker da comisaría ourensá e, despois, modificaron a escena do crime para que parecese un suicidio.

Así o determinou no auto co que conclúe a investigación sobre a subtracción de armas e a morte en abril de 2016 dun axente da comisaría da Policía española de Ourense, uns feitos que, sete anos despois, a maxistrada instrutora decidiu derivar para a apertura dun xuízo ante tribunal de xurado nunha resolución contra a que cabe recurso.

Para a xuíza, os dous irmáns xemelgos policías investigados "poderían ser autores dun delito de asasinato ou homicidio e dun roubo con forza" a teor das dilixencias practicadas, das que se "desprenden indicios" de que ambos os axentes "de forma conxunta e planificada" subtraeron seis armas do interior do búnker da comisaría.

Cando estaban a ser investigados por iso e "co obxectivo de conseguir impunidade", continúa a maxistrada, "fixeron uso dunha delas para propinarlle un disparo na cabeza ao seu compañeiro", ao que atribuíron o envío de anónimos á comisaría e a subtracción das armas do búnker.

Relación de amizade

Ademais, o auto recolle que a vítima e os dous investigados, que desempeñaban funcións de importancia na comisaría, mantiñan unha relación de amizade e compartían a súa afección polo tiro.

O 'status' dos investigados cambiou coa chegada dun novo comisario e "víronse desprazados" por outros compañeiros policías, polo que "foron trasladados do seu posto de traballo e privados do uso da galería de tiro".

Así pois, nun extenso auto, a maxistrada manifesta que os dous irmáns "sentíronse menoscabados profesionalmente" e, ao verse privados de todo iso, "trataron de prexudicar os compañeiros cos que tiñan rivalidade profesional" e os mandos policiais "por retirarlles partes das funcións". Pola súa banda, o falecido "quería mellorar na súa profesión" buscando o posto de armeiro da comisaría.

A xuíza traslada que, para conseguir o seu obxectivo, os dous irmáns "urdiron un plan que o falecido coñecía" co que "crearon rastros falsos de acceso a datos reservados con claves doutros policías para prexudicar os titulares" e, ademais, "accederon ao búnker sen autorización para levar seis armas e enviaron escritos anónimos á unidade de Asuntos Internos". Todo isto foi atribuído polos xemelgos a "outros policías".

Con todo, subliña que tras iniciarse a investigación en abril de 2016, a mesma apuntou como autores aos dous irmáns, quen, "medorentos de que o seu compañeiro terminase por confesar, prepararon a súa morte".

Suicidio simulado

Deste xeito, indica que "para evitar a investigación trataron de simular un suicidio" mediante "a realización dun único disparo, a colocación da arma sobre a man do falecido" e "manipulando o lugar no que se produciu a morte".

Ademais, "realizaron o envío dun correo electrónico desde o mail do falecido atribuíndose a autoría dos anónimos e da subtracción das armas", asegura a maxistrada no seu auto no que resalta que actuaron así para "facer que as autoridades cresen que o seu compañeiro decidira acabar coa súa propia vida por sentirse culpábel do sucedido".

Sobre este caso a Fiscalía pedira en varias ocasións o sobresemento ao estimar que se trataba dun suicidio. Agora, despois de sete anos de instrución, a xuíza do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense ordena a transformación das actuacións en procedemento para ser axuizado polo Tribunal do Xurado.