A xefa de Inspección de Maiores, no ollo das críticas

Residencia de maiores de San Cibrao, onde a semana pasada se detectou un gromo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Familiares de residentes denuncian a "inacción" de Berta Besada. 

Son máis de 200 as queixas e denuncias que tanto familiares de persoas usuarias de residencias de maiores como traballadoras destes centros levan presentadas tan só nos últimos tres anos. Nelas alertan de deficiencias e de falta de medios en xeriátricos privados e en públicos xestionados por empresas. Aliás, denuncian  "os ouvidos xordos" da xefa de Inspección de Maiores da Xunta e mobilizaranse esta semana para que dimita.  

Dúas son as querelas presentadas pola Federación REDE de usuarias e familiares de residencias que están admitidas a trámite pola Fiscalía, dúas máis están en proceso de admisión e unha en elaboración. Con estas demandas, dirixidas contra directivos da Xunta e de empresas que xestionan residencias de maiores, REDE pretende esclarecer responsabilidades públicas e privadas na xestión da crise dos xeriátricos na pandemia. 

Mais antes da chegada do coronavirus e da presentación desas querelas, xa se deran "ducias e ducias de denuncias e chamadas persoais ao daquela director xeral de Maiores da Xunta" alertando das deficiencias nestes centros, recorda a Nós Diario Paulino Campos, portavoz de REDE. Así pois, e ante a "inacción reiterada" da Xunta, REDE chama a mobilizarse pola dimisión de Berta Besada Porto, xefa dos servizos de Inspección de Maiores e Discapacitados da Xunta, á que acusan de "non actuar" ante as recorrentes queixas e denuncias notificadas á Consellaría de Política Social nos últimos anos. "Ten constancia destas denuncias e non actúa ante nada", lamenta Xosé Bernárdez, portavoz do colectivo Vellez Digna. "Por iso considerámola directamente responsábel de toda a crise que está a acontecer nas residencias", engade. 

Bernárdez ve que a situación non mudou logo das queixas presentadas antes de 2020 e durante e despois da primeira onda da pandemia. "As traballadoras teñen denunciado malas prácticas como o costume de non seren avisadas cando se detectan gromos epidemiolóxicos nun centro, cousas que continúan a darse, como acabamos de ver no centro de DomusVi en Ribadumia, onde o persoal soubo do gromo pola Xunta e non pola residencia".

A Bernárdez preocúpalle que non se estean a tomar medidas nos centros, como amosa o feito de que "unha vez o virus entra, este se expanda en cuestión de horas de maneira descontrolada". Isto indica "que non se tomaron medidas efectivas nin se crearon grupos fechados e as traballadoras teñen que operar por toda a residencia", lamenta o portavoz de Vellez Digna, pondo o foco na falla de persoal.

Precisamente o Sindicato de Enfermaría Satse denunciou onte a "penosa situación que se vive nas residencias de maiores" da Galiza debido á "sobrecarga de traballo" porque "unha enfermeira ten que atender máis de 100 pacientes e faino nunhas condicións penosas". Así o destaca Satse, lembrando que o "problema" de persoal de Enfermaría "é de base" porque "habitualmente estas residencias non contan co número preciso". Satse reclama máis profesionais e subliña que "o grave déficit" no número de enfermeiras "foi determinante na grave incidencia da Covid-19 entre as persoas maiores residentes nestes centros sociosanitarios".

A CIG mobilizarase hoxe ante a residencia de Salvaterra denunciando os "ouvidos xordos" da Xunta ante as denuncias que alertaban desde hai anos das deficiencias deste centro.

Comparecencias no Parlamento

Hoxe, ademais, foi un día de comparecencias sobre esta temática no Parlamento. O presidente da Fundación San Rosendo, José Luís Gavela, rexeitou que un cambio de modelo das residencias pase por convertelas "en unidades medicalizadas", senón por unha maior "coordinación e interacción" entre estes centros co hospital de referencia de cada área sanitaria.

Pola súa banda, o coordinador do equipo Covid-19 das residencias da área do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Fernando Lamelo Alfonsín, defendeu que a decisión de trasladar ou ingresar un ancián con coronavirus "se consensúa" cos seus familiares, cos que na primeira onda da pandemia había unha comunicación "todos os días, por un medio ou por outro".