Galiza abeira as 1.100 vítimas froito da pandemia

Unha rúa de Carballo o día que entrou en vigor o fechamento perimetral. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade notificou esta segunda feira 17 falecementos, o que sitúa o global en 1.086 mortes por coronavirus. Dez destes pasamentos tiveron lugar en residencias de maiores e, dentro deses, finaron seis usuarias e usuarios nas propias instalacións de Salvaterra de Miño.

Os falecementos que a pandemia provocou na Galiza xa chegaron á cifra de 1.086, cando hai escasos días se sobrepasaba a fronteira do milleiro. Nesta segunda feira as autoridades sanitarias deron conta de 17 óbitos, dez deles de residentes en xeriátricos de todo o país.

A Consellaría de Sanidade puntualizou que as 17 vítimas inclúen tanto as desta xornada como as do fin de semana, dado que houbo máis casos en relación aos que se tiveran comunicado o sábado e o domingo.

Do total, unha decena de persoas tiñan relación con xeriátricos. No entanto, o que máis chama a atención é que seis destas usuarias eran da residencia de Salvaterra de Miño, que está baixo investigación polas denuncias de mala calidade asistencial e intervida pola Xunta nestes momentos. As vítimas foron cinco mulleres de 86, 89, 96, 85 e 87 anos e un home de 80.

Tampouco chegaron a ser trasladadas unha doente de 98 anos que vivía na Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, onde tamén apareceu un surto importante, e outra muller de 91 anos, que perdeu a vida no centro Nosa Señora dos Miragres de Barbadás.

O resto dos decesos tiveron lugar nos centros hospitalarios. Procedente do infraestrutura de San Cibrao, en Cervo, finou unha paciente de 96 anos que era atendida no hospital da Mariña.

No Hospital Lucus Augusti, os equipos sanitarios non puideron facer nada para salvarlle a vida a tres enfermas de 90, 96 e 89 anos. Esta última fora trasladada desde o centro residencial San Salvador de Guntín.

Sen vínculos cos xeriátricos

Fontes da Xunta tamén contabilizaron a un varón de 70 anos cuxo pasamento tivo lugar no hospital de Ferrol -que agora está afectado por un gromo entre o seu persoal- e a outro home de 78 anos que morreu no centro hospitalario de Ourense.

Por último, no hospital de Vigo sumáronse a listaxe de vítimas dous varóns de 91 e 86 anos de idade e unha muller de 87.