Xavier Sánchez, ‘Projeto Estreleira’: “O 21 en Lugo visibilizarase que somos moitos os que acreditamos que somos unha nación”

(Foto: Estreleira)

Lugo acollerá o vindeiro día 21 dunha “muralla humana de estreleiras”, iniciativa que leva semanas cociñándose a lume manso e sumando apoios colectivos e individuais. O obxectivo, reunir de mans dadas centos de persoas procedentes das diferentes comarcas da Galiza na cidade máis antiga do país para reivindicar que “somos unha nación”.

Projeto Estreleira quer que o vindeiro 21 de novembro a muralla de Lugo fique rodeada por centos de persoas que, man con man e portando simboloxía nacional galega, reivindiquen unha Galiza de seu. Con ese obxectivo leva semanas contactando con colectivos e persoas individuais, organizando xuntanzas en diferentes comarcas,  sumando apoios e complicidades...  “Nestes tempos de ofensiva do españolismo é bo mandar unha mensaxe clara: estamos aquí e non recuamos”, indican.

Como valorades a resposta que está a recibir esta iniciativa?

A todos os que lles explicamos a iniciativa parécelles unha boa idea, ou polo menos iso é o que nos transmiten, o que notamos. Non atopamos voces discordantes ou desanimadas, ao contrario, chégannos sensacións moi positivas de moita xente e desde sectores diversos. A estas alturas hai por volta de 600 persoas anotadas para participar e somos conscientes de que haberá algunhas que ‘caian’ desa lista mais tamén que hai moita xente que vai dar o paso a medida que se achegue a data.

Un acto, ademais, apostando por unha cidade que por estar, por dicilo así, á marxe do AP-9 semella que require un ‘plus’ de esforzo o de achegarse até aí. O que nós si que temos claro é que non hai unha razón para non ir!  Detectamos moita disposición e colaboración, non podemos ter queixa.

“A estas alturas hai por volta de 600 persoas anotadas para participar”

Estreleira naceu hai uns meses, cunha presentación publica no Pico Sacro, e desde entón impulsou diversas iniciativas, coa visibilización e espallamento da simboloxía galega como principal obxectivo...

A iniciativa naceu para iso, para difundir os nosos símbolos nacionais, pois entendiamos que había un déficit neste sentido. Mesmo parece que entre a propia base nacionalista ou soberanista existe, por dicilo así, certa inhibición neste aspecto, e máis nuns momentos duns anos para aquí en que vemos a proliferación da simboloxía española.

Ante isto, consideramos que se debía de facer algo, activar unha iniciativa que apostase por propostas e accións imaxinativas, expansivas, audaces... Que sumasen e animasen a xente a participar e a que os símbolos nacionais non sexa algo exclusivo do Día da Patria ou das mobilizacións... que estean polo territorio, que estean presentes polo país adiante, mesmo nos sitios máis insospeitados.

E que nos atopamos moitas veces cando colabamos bandeiras? Pois que duraban pouco, riscábanas, arrancábanas... Por iso decidimos que alí onde puñamos unha bandeira, facer unha foto e pasala ás redes sociais, acompañada de datos históricos, xeográficos, culturais.... do lugar onde se puxo

Mais estamos nun contexto de ‘ofensiva’, por dicilo así, da simboloxía española, tamén na Galiza, onde xa non figura só nas institucións ou redutos reaccionarios moi minoritarios, senón que tamén se espallou na sociedade

Hai esa ofensiva, si. Antes había unha exhibición de españolismo, por dicilo así, banal, ligada moitas veces á La Roja ou eventos deportivos. Iso xa non é así. O de agora é grave, é unha exhibición agresiva, ostentosa e ameazante e que non vén só pola extrema dereita. Lembremos o que pasou o Día da Patria Galega en Compostela, cos avións militares pasando por riba da capital coa bandeira española. E iso non o ordena Vox, non é? Iso estaba autorizado polo Goberno español.

Cando puxemos en andamento esta iniciativa houbo quen nos dixo tamén o clásico de “a ver, pesados, xa estades co da bandeira” (ri). Para nós isto non é unha batalla de farrapos, de trapos. Cando os fascistas atacan a bandeira LGTBI non se di “atacaron un trapo”, non. Todos entendemos que atacan o que representa, que atacan uns dereitos e un colectivo. As bandeiras representan algo, e a nosa representa uns valores e unhas reivindicacións que para nada ‘casan’ cos da simboloxía española.

“A ofensiva da simboloxía española non é só cousa da extrema dereita: o dos avións militares coa bandeira española o 25 de Xullo sobre Compostela non o ordenou Vox, non é?”

Elaborastes unha relación de 21 motivos polos que acudir á muralla de Lugo o 21 de novembro. Entre eles está o de, dicides, que “precisamos emocionarnos”

No mundo do soberanismo apelamos á razón, á racionalidade. É o que ten que ser, a cultura de esquerdas e do soberanismo galego acreditamos niso, nos argumentos, porque témolos e cremos que o debate demostra eses argumentos fronte a hipérboles e irracionalismo do españolismo.

Mais isto non debe de ir rifado coa capacidade de nos emocionar, para nada. Incidimos moito en que isto tamén é importante, porque establece ligazóns, conéctanos, crea sinerxias. Neste acto do 21 hai moito simbolismo: desde a data, centenario do primeiro izado nunha institución da bandeira galega, até o lugar, Lugo, a cidade máis antiga do país. Tamén o feito de facer unha cadea humana é un símbolo, é algo que xa se ten realizado noutros países e noutras reivindicacións.

“O que se vai facer en Lugo é unha oportunidade para ver que somos moitos e moitas as que acreditamos que a nación galega existe”

Pouco queda para o 21, como animariades a asistir ao acto a alguén que estea dubidando?

O que se vai facer en Lugo é unha oportunidade para saírmos desta parálise na que estamos. É unha oportunidade para reaxir e tamén para xuntarnos, para vernos, para lembrar que somos moitos e moitas as que acreditamos que a nación galega existe. Unha oportunidade paravisibilizar que estamos aquí e non renunciamos ao dereito de autodeterminación do noso pobo. E é unha oportunidade de reivindicarmos o territorio, de demostrar que estamos dispostos a movernos, a saír á rúa. Neste sentido, temos pensadas novas propostas e ideas a desenvolver noutros puntos, desde Irimia, onde nace o Miño, até Fisterra... que xa iremos avanzando aos poucos.