Un final de xaneiro por riba dos 20 graos na Galiza, por que?

Vigo vai superar os 20 graos (Foto: Nós Diario)

A xornada de hoxe, quinta feira, e até o sábado van estar marcadas por unhas temperaturas máis propias da primavera que do inverno, podenso superarse os 21 graos en varias cidades.

“O sol de xaneiro non ten compañeiro”, “En xaneiro, pés no braseiro”... Algúns dos refráns galegos propios deste mes e que o asociaban ás baixas temperaturas, neve ou xeadas están a quedar estes días fóra de xogo.

A Galiza vai superar en pleno xaneiro os 21 graos de temperatura, algo inusual nestas datas. Meteogalicia apunta que varias cidades galegas van estar por riba deses 20 graos nestes días.

Así por exemplo, esta sexta feira, día 26, Pontevedra e Vigo verán como os seus termómetros van andar  na máxima de 20 graos. O sábado, ambas as dúas xa andarán nos 21 graos, mentres que Compostela ou A Coruña ou Ourense marcarán os 20.

Mais a que se debe esta anomalía? Meteogalicia e Aemet apuntan como orixe unha dorsal anticiclónica en altura que canaliza aire cálido subtropical cara á Península.

Van ser días de ceos despexados e temperaturas agradábeis, que se estenderán no mínimo até a fin de semana.

E este episodio primaveral ten lugar apenas días despois de que a Galiza vivise unha noite glacial con temperaturas baixo cero en boa parte do país. Localidades como Sarria, Cospeito e Guitiriz ou Baleira roldaron os cinco graos baixo cero durante a madrugada do 20 de xaneiro.

O ano 2023 foi o máis húmido e cálido do últimas seis décadas, cunha temperatura media de 14,9 graos, “un valor tan alto que fai que o ano se considere como extremadamente cálido”.

Estes son algúns dos datos que se desprenden do balance climatolóxico anual elaborado por Meteogalicia. A anomalía positiva rexistrada foi de 1,3 graos con respecto aos valores esperados. “Foi o ano máis cálido do últimas seis décadas, ao rexistrar a temperatura media máis elevada desde 1961”, remarcou a conselleira.