Caderno de Verán

Xaime Beiro: "Para nadar con quenllas grandes toca viaxar"

Xaime Beiro coa súa compañeira.
Xaime Beiro é de Louro (Muros), traballa a animación 'motion graphics' e é afeccionado á fotografía e o vídeo subacuático. Falamos con el de quenllas, dos fondos mariños da costa galega e da situación dos océanos.

—Como foi que comezou no mundo da fotografía subacuática?
Son de Louro (Muros) e toda  a vida mergullei en apnea, fixen pesca subacuática... Pero os equipos de foto subacuática son caros e case até que apareceron as GoPro, que empezaron a ser un pouquiño asequíbeis, non te podías meter a sacar fotos debaixo da auga. Coas GoPro empecei a practicar e a probar, e logo investín nun equipo un pouco máis profesional e, co tempo, a outra cousa que tamén me gustou moito sempre foron as quenllas, pero aquí non son o máis común.

—Pero hainas ou non?
Hai pero moi en mar aberto, son quenllas oceánicas, que viven no medio do azul. Aquí en calquera baixo ou calquera punta non hai quenllas grandes coma a tintoreira que vive en mar aberto. Só hai patarruxo ou melgacho que son quenllas pequeniñas que andan polo fondo. Se queres nadar con quenllas grandes o que toca é viaxar. 

As quenllas están perido a causa da contaminación ambiental e da sobreexplotación pesqueira.

—Nesas viaxes que fixo para nadar coas quenllas, cal foi a mellor experiencia? E a peor?
Nós facemos o que se chama ‘vidas a bordo’, é dicir, en vez de estar nun hotel para ir cada día mergullar, o que facemos é estar nun barquiño preparado para mergullar, unha especie de cruceiro para mergullo, cunhas 20 persoas. Aí tes moi boas experiencias humanas, pero a nivel de peixes, a que máis me gustou foi en Baixa California, nuns illotes do Pacífico a día e medio de navegación, Revillagigedo. Alí nadas con mantas que case che tocan, 5 ou 6 especies de quenllas... Non é arrecife pero está cheo de bechos grandes.
A peor experiencia... por sorte non tivemos grandes sustos, pero no mar Vermello, nas illas Brothers hai moita corrente e tamén unha quenlla, tiburóns oceánicos, que lles ten pouco medo ás persoas. Estabamos entretidos con elas e a corrente afastounos da parede de arrecife e non eramos capaces de volver. Tivemos que saír antes de tempo.

—E como ve a situación ambiental dos océanos?
Moitas veces xa mergullas en reservas mariñas e o mar está en mellores condicións pero o tema das quenllas está bastante crítico porque se están a pescar dunha maneira esaxerada. Galiza é dos lugares que máis quenllas pesca, por exemplo, a lonxa de Vigo ten cifras altísimas de quenlla azul e marraxo.