Xa á venda os abonos para viaxar gratis en tren no segundo cuadrimestre do ano

Tren na estación de Vigo-Guixar. (Foto: Nós Diario)

Renfe pon á venda desde este sábado os abonos gratis multiviaxe para o segundo cuadrimestre do ano.

As usuarias e os usuarios de Renfe poden obter desde este sábado os abonos gratuítos de trens rexionais e Media Distancia para viaxar entre o 1 de maio e o 31 de agosto de 2023, segundo comunicou a compañía ferroviaria.

Para axilizar a adquisición dos abonos, a súa adquisición poderase realizar a través da aplicación de Renfe, e, no caso dos abonos de Media Distancia a través da páxina de Renfe e canles de venda habituais, como estacións e máquinas autoventa. En todo caso, o cliente ou a clienta debe estar rexistrado previamente.

En concreto, para adquirir o abono, aínda que é gratuíto, é necesario depositar unha fianza de 20 euros para cada servizo de Media Distancia convencional.

Adicionalmente, o pago con tarxeta permitirá a devolución automática da fianza, unha vez se constate que se cumpriu a condición de realizar 16 desprazamentos durante estes catro meses.

Para as crianzas menores de 14 anos sen DNI, Renfe creou un abono recorrente para servizos de Media Distancia, que poderá ser adquirido a través da páxina web ou aplicación da compañía ferroviaria. Así, o pai, a nai ou o titor serán os que poderán adquirir, por medio do seu NIF, NIE ou pasaporte, un máximo de catro abonos de crianza para unha orixe e destino, durante o período de validez.

Para os servizos ferroviarios Avant mantense o desconto do 50% nos abonos. Así mesmo, este mesmo desconto aplícase a outros traxectos de alta velocidade que foron declarados Obrigación de Servizo Público (OSP), que funcionan coas mesmas condicións que un Abono Avant.

Devolución da fianza

Pola súa banda, ás viaxeiras e viaxeiros que utilizasen o abono gratuíto de proximidade, Rodalies ou Media Distancia no primeiro cuadrimestre de 2023 devolveráselles a fianza, sempre que cumprisen as condicións do mesmo. Ademais, a quen pagou a fianza con tarxeta, devolveráselles automaticamente.