E xa van cinco: Juan Carlos I xa está de volta na Galiza

O emérito na súa última visita a Sanxenxo (Foto: José Ramón Hernando / Europa Press).

O rei emérito español quer participar na regata ‘Desafío Barceló’ en Sanxenxo.

O rei emérito español volta esta semana a Galiza. A quinta vez que Juan Carlos I está no país desde que fuxiu ao estranxeiro en agosto de 2020 para se instalar en Abu Dabi. Como nas outras catro ocasións anteriores, o seu destino é Sanxenxo, na comarca do Salnés, onde ten un grupo de amigos en torno á vela que o acollen cada vez que o emérito se achega a territorio galego e onde chegou esta mesma tarde.

En principio, está previsto que bote en Sanxenxo varios días, coa intención de dedicarse a un dos seus pasatempos favoritos: regatear. O que vai ter ocasión de facer ao disputarse estes días en augas galegas o ‘Desafío Barceló’, coa participación de varias embarcacións.Tamén aproveitaría a estancia o Borbón para se reunir con amigos e coñecidos e participar nalgún acto de sociedade.

Bribón XVII é a actual embarcación do rei emérito. O buque, deseñado por Juan Kouyoumdjian e Javier Cela, foi construído nos estaleiros Garrido do Grove e mellorado nos estaleiros Rodman de Vigo, sendo botado ao mar o 17 de maio de 2017. O barco foi pagado polo banqueiro venezolano José Álvarez Stelling, que tivo unha intervención na xornada da botadura.

Álvarez Stelling é outro dos millonarios "sospeitosos" do círculo do pai de Felipe VI. Persoa moi próxima ao antigo presidente venezolano Carlos Andrés Pérez, que lle entregou o Banco Consolidado, unha entidade con activos por valor de 1.900 millóns da época, aproveitou esa amizade para facer negocios no Estado español de Felipe González, ficando coa entidade financeira galega Castro Canosa e con algúns bens da antiga Rumasa.

A propiedade do Banco Consolidado permitiulle comprar o Banco de Venezuela, nun proceso polo que foron condenados por corrupción xuíces, ministros e políticos. Neste contexto desapareceron da entidade 60.000 millóns de bolívares, que foron parar -segundo certificou a auditoría asinada por Arthur Andersen- á empresas dos homes de palla de Stelling. Finalmente, estas dúas entidades remataron quebrando, sendo intervidas polo Goberno venezolano.

"Explicacións de que?"

As declaracións públicas do ex monarca aos xornalistas que seguen as súas estadías en Sanxenxo adoitan limitarse a agradecerlles o seu labor e a responder que se atopa "moi ben". Con todo, si houbo un par de ocasións nas que se saíu desa liña. A máis anecdótica foi en maio de 2022, durante a súa primeira visita á localidade pontevedresa desde que marchou a Abu Dabi.

Cando unha xornalista preguntoulle se tiña previsto dar ao seu fillo algunha explicación acerca das polémicas que lle rodeaban, algunhas delas de carácter xudicial, espetou: "Explicacións de que?". Aliás, na súa última estancia hai pouco máis de mes e medio, don Juan Carlos respondía cun conciso "por suposto" ao ser preguntado sobre se lle gustaría quedar a vivir en España.