VÍDEO NO INTERIOR

A veciñanza de Moaña non renuncia ás Urxencias e rodea o centro de saúde no centésimo domingo consecutivo de protestas

'Coa nosa sanidade non se xoga', lema da veciñanza de Moaña. (Foto: Nós Diario)
"Coa nosa saúde non se xoga", "Urxencias xa" ou "Rueda, escoita, estamos en loita" foron algúns dos cánticos que se escoitaron esta mañá nunha nova mobilización na defensa da sanidade pública. Desde 2020 a veciñanza ten que desprazarse até Cangas por unha urxencia médica.

E xa van cen. O domingo 12 de decembro de 2021, hai xa case dous anos, a Mesa Local da Sanidade de Moaña (O Morrazo) convocou a primeira gran manifestación na defensa da sanidade pública e, máis concretamente, exixindo a reposición do servizo de Urxencias no centro de saúde do municipio, suprimido desde o inicio da pandemia da Covid-19 en 2020 e derivado ao veciño concello de Cangas. Rematada a emerxencia sanitaria, porén, as Urxencias non volveron a Moaña.

A veciñanza respondeu á chamada aquel domingo... e os cen seguintes, até chegarmos ao día de hoxe. Concentracións, marchas a pé e manifestacións que semana tras semana, incansabelmente, claman por recuperar uns servizos que lles corresponden, defende a alcaldesa, Leticia Santos (BNG). A Mesa da Sanidade, da que fan parte todas as organizacións políticas representadas no Concello, reclama tamén reforzar o servizo de ambulancias "para mellorar o tempo de resposta ante calquera incidencia sanitaria que haxa que enfrontar no futuro".

Este domingo, nunha xornada se callar máis especial que nunca pola efeméride do cento de mobilizacións, centos de persoas reuníronse na antiga Casa do Mar, hoxe sede do centro de saúde, para rodear o recinto formando unha enorme cadea humana. A 'marea branca' fíxose notar e as e os manifestantes, portando prendas desta cor, reivindicou máis unha vez as súas exixencias. "Coa nosa saúde non se xoga", "Urxencias xa" ou "Rueda, escoita, estamos en loita" foron algúns dos cánticos que se escoitaron esta mañá.

Algúns días con máis afluencia, outras con menos, en función tamén de se a convocatoria era dunha manifestación ou unha concentración, mais sempre cunha gran resposta da veciñanza. Máis de 4.000 persoas chegaron a congregarse algúns domingos defendendo a atención primaria e a sanidade pública nun concello que non alcanza as 20.000 veciñas e veciños empadroados. Nada menos que un de cada cinco.

"Para nós, o ideal sería que nunca tivésemos chegado a isto", apunta a rexedora moañesa, en declaracións a Nós Diario. Con todo, as cen semanas consecutivas de mobilización teñen un enorme valor para ela: "Queremos visibilizar que, por máis tempo que pretendan que agardemos, non nos imos render. Seguiremos defendendo que Moaña ten que ter un servizo de Urxencias propio e o seu punto de atención continuada (PAC) na Casa do Mar".

Un momento da protesta en Moaña. (Foto: Nós Diario)

Actualmente as urxencias médicas aténdense en Cangas, co consecuente prexuízo para quen precisan para desprazarse dun vehículo privado ou das liñas de transporte público, se os horarios así llo permiten. Contra vento e marea, porén, seguirán a mobilizarse semana tras semana até conseguiren o seu obxectivo.

"A veciñanza está moi comprometida, e nós tampouco nos imos render. Queremos que vexan no Parlamento galego e na Xunta que seguimos defendendo uns servizos que nos corresponden", afirma Santos.