Cen semanas de mobilización en Moaña para recuperar as urxencias sanitarias

Leticia Santos intervindo na manifestación do pasado domingo 24 de setembro en en Moaña. (Foto: Nós Diario)

A veciñanza de Moaña (O Morrazo) non se rende na súa loita pola recuperación das urxencias sanitarias na localidade, suprimidas en 2020 "coa coartada" da pandemia. 100 semanas despois do comezo das mobilizacións pola recuperación deste servizo prepárase unha nova protesta.

O domingo de 29 de outubro a veciñanza de Moaña volverá mobilizarse en defensa da súa sanidade. Porén, nesta ocasión terá unha significación especial. A protesta, convocada como as 99 anteriores pola Mesa da Sanidade de Moaña, unha coordinadora social conformada pola Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Moaña, entidades veciñais, grupos políticos da Corporación e presidida pola alcaldesa, Leticia Santos (BNG), vai rodear o centro de saúde da localidade, emprazado na antiga Casa do Mar do municipio.

Santos é consciente da importancia da mobilización. Neste sentido, e en conversa con Nós Diario, chama a veciñanza de Moaña “a acudir con prendas brancas a unha grande cadea humana coa que imos rodear a Casa do Mar da localidade en defensa da nosa sanidade”. A este respecto, apunta que “levamos 100 semanas na rúa reclamando ao Goberno da Xunta da Galiza os servizos que nos corresponden, o que é unha mostra da persistencia na loita das xentes de Moaña”. Na mesma dirección, insiste en que “non imos ser cómplices do desmantelamento da sanidade pública porque Moaña é unha vila comprometida cos seus servizos sanitarios”.

"Cen semanas na pelexa"

“Seguimos na pelexa desde hai 100 semanas, ningunha mobilización social leva tanto tempo activa na Galiza”, afirma Santos, que considera estar visualizando que a veciñanza de Moaña "non se rende e vai manter o pulso ante a Consellaría de Sanidade o tempo que faga falta”. Neste contexto, a rexedora lembra que “as protestas arrancaron despois de esgotar todas as vías institucionais en decembro de 2021, cando o impacto da pandemia xa era menor” e denuncia que “19.474 veciños e veciñas de Moaña carecen desde marzo de 2020 de punto de atención continuada (PAC), debendo acudir ao centro de saúde Cangas en caso de precisar atención urxente”.

A alcaldesa de Moaña denuncia que “o noso concello foi o único que non recuperou aínda os servizos sanitarios previos á pandemia”. Nesta liña, critica que “por parte da Xunta da Galiza e da área sanitaria de Vigo todo foron escusas para non restaurar os servizos sanitarios, porque en ningún momento amosaron vontade política para darlle unha solución ás nosas demandas e si expresaron a súa vontade política de seguir castigando o concello de Moaña”.

Neste sentido, lamenta que “desde maio de 2022 o conselleiro de Sanidade nunca nos recibiu, derivándonos sempre ao xerente da área sanitaria de Vigo”, malia que “as nosas reivindicacións contan co apoio de todos os grupos políticos con representación no Concello de Moaña”.

"A devolución do PAC"

Santos reclama “a devolución do servizo de PAC para Moaña e a recuperación das urxencia sanitarias”. A este respecto, explica que “primeiro dábannos a escusa de que tiña que mellorar a situación epidemiolóxica: mellorou. Logo, que tiñan que facer obras de adecuación na Casa do Mar de Moaña que permitise devolvernos o servizo: nin tan sequera o intentaron, era unha escusa máis. E o que agora nos din é que os equipos médicos non queren que haxa PAC en Moaña”.

Na mesma liña, a rexedora deste municipio do Morrazo de perto de 20.000 habitantes exixe que “se reforce o servizo de ambulancias para mellorar o tempo de resposta ante calquera incidencia sanitaria que haxa que enfrontar no futuro”.