E xa van catro: O emérito chega hoxe, de novo, á Galiza

O rei emérito, Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón' en Sanxenxo o pasado 29 de xullo. (Foto: José Oliva)
A vindeira quinta feira o emérito coincidirá na Galiza co seu fillo, Felipe VI que estará no foro da Toxa.

O rei emérito chegará, previsibelmente, esta segunda feira á localidade de Sanxenxo (O Salnés) para participar na oitava regata rei Juan Carlos I que arrincará a vindeira quinta feira até o domingo.

Segundo o calendario do Real Club Náutico de Sanxenxo, está previsto que na xornada da quinta feira comece a competición da clase 6 metros que Juan Carlos I disputará presumibelmente, a bordo do 'Bribón'.

Sen dúbida, esa será unha xornada ‘dobre’ e é que Felipe VI tamén estará na Galiza. Concretamente na Toxa, a só 15 quilómetros do seu pai, no foro económico ultraliberal famoso por deturpar o topónimo oficial galego.

Desta forma, está previsto que o monarca participe ás 16.30 horas na inauguración do ‘Foro La Toja’, nun acto no cal o acompañarán o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do grupo Hotusa, Amancio López.

A visita desenvolverase no marco da entrega do III Premio do Foro a Toxa, nomeado este ano como Premio Josep Piqué.

Con todo, aínda que pai e fillo estean a só uns poucos minutos, non está previsto que se vexan cara a cara. Con todo, ambos se viron noutras dúas ocasións nestes tres anos, desde que Juan Carlos I fora a Abu Dabi, en 2020.

Os dous asistiron, hai un ano, ao funeral de Isabel II en Londres. A última vez que coincidiron foi en xaneiro deste ano, en Atenas, no funeral de Constantino de Grecia, irmán da Raíña Sofía.

Visitas a Sanxenxo

Así as cousas, as visitas do rei emérito a Sanxenxo xa se fan habituais. A última vez que estivo no país foi a finais de xullo, sendo a terceira vez que volvía desde a súa marcha a Abu Dabi, e nela sinalou que "volvería pronto" e "moitas veces" durante este verán.