Apreséntase esta sexta feira en Pontevedra

Acción e pensamento no volume que pon o ramo ás Obras Escollidas de Bautista Álvarez

Bautista Álvarez

É unha das principais figuras da historia do nacionalismo galego das últimas cinco décadas, sen a cal é imposíbel narrar a evolución do movimento soberanista no país desde principios dos 60 do pasado século até o presente. É un home de acción, mais tamén un pensador político. E até un literato. Esta sexta feira apresenta en Pontevedra o terceiro volume das súas Obras Escollidas.

Editado pola Fundación de Estudos Nacionalistas que leva o seu nome, o terceiro volume das Obras Escollidas de Bautista Álvarez (Loucía, San Cibrao das Las, San Amaro, 1933) vai ser apresentado esta sexta feira nun acto público na Casa da Luz (Praza da Verdura), de Pontevedra, a partir das 20.30 horas.

Intervirán na apresentación o autor do volume, ben como, en representación da editora, a integrante do goberno local da cidade e membro da Executiva Nacional do BNG, Carme Dasilva, e Roberto Vilameá.

En todas e cada unha das páxinas das Obras Escollidas latexa a paixón polo país (eis o titánico esforzo pola reconstrución do nacionalismo en plena ditadura fascista) e a vontade de contribuír para o enriquecemento do pensamento político soberanista (sempre na esteira de Castelao). Brilla tamén nelas un notábel talento literario, perceptíbel xa nas primeiras liñas do volume, un artigo publicado en La Región de Ourense en 1953.

Determinación e afouteza. Eis rasgos que caracterizan o percurso de Bautista Álvarez. Unha boa mostra témola nun dos textos que recolle este volume, Autodeterminación de Galiza, que viu a luz en decembro de 1966. Nel o integrante do mítico grupo Brais Pinto e cofundador da UPG (1964) fala de "imperialismo puro" para se referir ás políticas centralizadoras de Madrid, defende a autodeterminación do país e até afirma que se a opción tomada no proceso autodeterminista fose a da "total independencia" ese feito "non podería ser rexeitado máis que por unha ideoloxía antidemocrática e imperialista". O texto, tan lúcido como valente, publicouno o semanario español Signo nunha altura en que o aparato represor fascista estaba en pleno funcionamento.

O volume un das Obras Escollidas apareceu en 2013, o dous en 2014 e agora, en 2017, sae do prelo este terceiro e definitivo libro en que recompila e escolma parte da produción xornalística (boa parte dos textos son tirados de xornais e semanarios, a comezar por A Nosa Terra), ensaística e até literaria de Bautista Álvarez.

As Obras Escollidas recollen, así pois, artigos de opinión, discursos en asembleas nacionais do BNG ou nos Días da Patria e intervencións, algunhas delas verdadeiras pezas de oratoria, desde a tribuna do Parlamento da Galiza.

O fío condutor da súa obra ten sido o arrequentamento -e tamén actualización- do pensamento político nacionalista, a partir do legado de Castelao, sempre coa emancipación nacional como horizonte e desde a perspectiva de que a soberanía só poderá ser conquistada a partir de pór en práctica o principio da auto-organización, sen nengunha dependencia con organizacións sediadas en Madrid.

E unha cousa máis, desde logo non menor: o esmero lingüístico de todos e cada un dos textos, espello da vontade do autor de entregar nos seus escritos, con frecuencia atravesados por unha fina retranca, unha lingua galega viva, xenuína, ben coidada, e con grande amplitude de rexistos, desde o máis popular até o máis culto.