Wert calcula que a aplicación da LOMCE custaría a Galiza entre 50 e 927 millóns

O ministerio de Educación recoñece por primeira vez que non ten diñeiro para aplicar en 2014 a norma, amplamente rexeitada pola comunidade educativa


A memoria económica da LOMCE recolle que os territorios deberán desembolsar entre 50 e 927 millóns de euros. Diñeiro público para sufragar o custo dunha lei que recorta dun 45% a un 35% a autonomía deses mesmos territorios para achegar contidos ao currículo educativo, que deixa a aprendizaxe das linguas propias en mans da boa vontade dos centros de ensino e que obriga aos gobernos autonómicos a pagar, tamén con diñeiro público, aulas que se impartirán integramente en castelán e na escola privada.

Para alén do anterior, o documento contempla, así mesmo, que até o curso académico 2015-2016 o ministerio de Educación non terá diñeiro dabondo para financiar a implantación desta norma. A reforma custará até cinco veces máis que o primeiro borrador elaborado polo departamento que dirixe José Ignacio Wert.

Dos detalles da memoria informou esta quinta feira Cadena Ser. A emisora acrecentou que o ministerio vén de admitir, por vez primeira, que a aplicación da lei, amplamente rexeitada pola comunidade educativa, podería demorar un ano respecto das previsións iniciais. Se Mariano Rajoy esgota o seu mandato (2011-2015), a entrada en vigor da lei cadraría coas eleccións xerais.

Para alén do atraso na entrada en vigor, o documento ao que tivo acceso a radio española recolle tamén que os gastos da aplicación da LOMCE "serán compensados coa baixa noutros programas do departamento".  

Segundo as contas que botou o ministerio de Wert, os custos directos da reforma, referidos á posta en marcha e aos cambios normativos, serían asumidos por este departamento e ascenderían a 23 millóns o primeiro ano, 130 millóns o segungo e 255 millóns o terceiro. En total, 408 millóns.

A partir do cuarto ano pasarían a denominarse custos indirectos e o financiamento sairía dos petos dos territorios, que sentarán a debater co ministro o vindeiro 7 de febreiro ao redor da viabilidade financeira desta lei. Cómpre recordar que a contrarreforma educativa de Wert foi aplaudida xa pola Xunta do PP. O seu presidente, Núñez Feijóo, interpretouna como "a consolidación" do modelo "bilingüe" que el propio impuxo na Galiza a través do chamado decreto do plurilingüismo, cuxos dous alicerces fundamentais recibiron seis sentenzas en contra ditadas polos TSXG.

Por derradeiro, Madrid recoñeceu que non manexa cifras de canto terán que achegar aqueles, e ofrece un baremo estimado --desde os 50 até os 927 millóns-- que dependería da maior ou menor redución da taxa de fracaso escolar e do alumnado que opte pola formación profesional (FP). Malia todo o sinalado, Wert mantén a súa teima de aplicar a norma "con consenso ou sen el" e de levala ao Congreso antes do verán.