A vulneración de dereitos na saúde mental urxe "solucións en firme"

O Hospital Psiquiátrico de Conxo acumula numerosas deficiencias de trato, recursos e habitación (Foto: Arxina).
O Movemento Galego da Saúde Mental sinala a responsabilidade última da Xunta e reclama medidas concretas que garantan dereitos fundamentais das persoas cun diagnóstico psiquiátrico.

"O dereito das persoas a sermos tratadas con dignidade, respecto e de forma segura, con independencia das nosas condicións de saúde física e mental, é unha cuestión que no ámbito da psiquiatría semella estar moi lonxe de ser un dereito efectivo". As conclusións do Movemento Galego de Saúde Mental tras coñecer as detalles do informe anual de 2021 do Defensor del Pueblo son, ademais, unha sorte de ultimato dirixido á Administración galega. Segundo incide a voceira da entidade, Rosa Cerqueiro, en conversa con Nós Diario, o Goberno da Xunta é o responsábel último da "obriga de salvagarda dos dereitos e da mellor atención posíbel" en materia de saúde mental.

Conxo, paradigma da vulneración de dereitos

Catro anos e medio despois da primeira visita do Mecanismo Estatal de Prevención da Tortura ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Compostela, no ano 2017, o Defensor del Pueblo recolle na súa memoria de 2021 as dificultades deste organismo público para coñecer de forma directa e sen obstáculos as condicións en que viven e son atendidas as persoas ingresadas nese centro, obxecto de numerosas denuncias por parte do alto comisionado e do propio Movemento Galego da Saúde Mental.

O informe apunta unha "actitude reticente e pouco colaboradora" por parte do persoal do hospital na segunda visita do Mecanismo de Prevención da Tortura en xullo de 2021. "Chove sobre mollado. Esa actitude de non facilitar, de desleixo, non nos colle por sorpresa", afirma Cerqueiro, quen sen negar a responsabilidade dos cargos intermedios que se ocupan da institución psiquiátrica no día a día destaca a "obriga e responsabilidade" final da Xunta da Galiza en todo canto ten que ver coas "vulneración dos dereitos fundamentais" recoñecidos.

A Administración galega, di, insiste en "negar, minimizar e quitarlle importancia" a unha serie de deficiencias que se identificaron en 2017 e que se volveron constatar en 2021: "Deficiencias a nivel profesional, de recursos; do propio edificio, por tanto, de condicións de vida, e de prácticas que van en contra da convención dos dereitos das persoas con discapacidade", precisa Rosa Cerqueiro.

Desde o Movemento Galego da Saúde Mental apuntan vulneracións moi concretas dos dereitos das persoas cun diagnóstico psiquiátrico na galiza, nomeadamente no Hospital de Conxo: suicidios evitábeis, medidas de illamento como castigo, sobremedicación, utilización da contención mecánica, insuficiente protección tutelar, falta de privacidade. A estas deficiencias o  alto comisionado engadiu o verán pasado un "panorama desolador en materia de igualdade efectiva e non discriminación por razón de xénero".

"Intención e firmeza"

"Chove sobre mollado", di Cerqueiro quen censura as palabras do Goberno ao respecto desta diagnose. "Fala de 'casos illados' ou limítase a dicir que 'están traballando', pero pasaron máis de seis meses e de novo, segue sen contestar a cuestións esenciais. O tema é moi grave e non se lle está a dar resposta".

A portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental denuncia a falta de decisións áxiles e concretas. "As leis xa existen, trátase de pór en marcha medidas que modifiquen esta situación que se segue a dar. O que falta é intención e firmeza para rachar a fenda de desigualdade, violencias e paternalismo na atención en saúde mental, conclúe Rosa Cerqueiro.