"Vólveste indefensa porque pensas que a sanidade o está a facer ben"

Conversamos cunha muller que abortou, con 16 semanas, no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol en agosto de 2015. "Puxen a cuña no baño e de pé, parín", sen asistencia sanitaria. "É moi violento", "inhumano", asegura.  

 

Sabela [nome ficticio] acudiu en agosto de 2015 ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol "para unha revisión rutinaria". Estaba embarazada de 16 semanas. Durante a monitorización para escoitar os latexos do feto "dixéronme que non se escoitaban". "Pediu outro doppler [ecografías tradicionais con ultrason] por se o seu estaba estragado" e "baixáronme facer unha ecografía" mais os latexos non se escoitaban e a crianza non se movía. "Dixéronme que se quería fose a Urxencias a ver que me dicían alí", e foi mais "soa, no meu coche, era unha revisión rutinaria e eu sentíame ben". 

En Urxencias chegou o seu compañeiro e "alí confirmáronmo". A partir dese momento inician o proceso de indución ao parto para que Sabela expulse o feto. "Non che dan tempo", sinala en conversa telefónica con Sermos Galiza. Tempo para pensar ou para reaccionar, mesmo. "O único que che poñen é unha morea de papeis diante para asinar", explica. "Pasáronme a unha habitación chea de mulleres embarazadas que estaban a preparar o seu plan de parto e unha nai recén parida" de aí a outra "coido que no andar de cirurxía xinecolóxica" onde partillaba cuarto "cunha muller á que ían operar dun cancro de mama ao día seguinte". "Non tes intimidade", di. 

Sabela partillaba habitación cunha muller que ían operar dun cancro de mama ao día seguinte, "non puido durmir nada", afirma, "non tes intimidade". 

O tratamento indicado foron "dúas pílulas cada catro horas" por vía vaxinal que tivo que aplicarse ela propia. "Dixéronme, 'pon as pílulas o máis dentro que poidas', déronme unha cuña de oriñar e dixéronme que cando expulsase o feto que avisase". Quen llo dixo foi "unha enfermeira máis unha auxiliar, non vin o xinecólogo para nada", asegura Sabela. 

Habitación partillada

A partir de aí na habitación só estaban ela, o seu compañeiro e a outra muller ingresada. Co tempo comezaron as dores, as contraccións e "por volta das doce da noite puxen a cuña no baño e de pé, parín". Sabela estaba soa, non quixo que o seu compañeiro entrase, "sabía que a escena ía ser desagradábel". De facto foi así. "Saín do baño e aviseinas, tardaron cinco minutos, puxeron unhas lubas, collérono e metérono nun bote". 

"Saín do baño e aviseinas, tardaron cinco minutos, puxeron unhas lubas, collérono e metérono nun bote"

"Nunca me preguntaron se queria levalo, para enterralo, porque era meu" ou "se quería velo, aínda que embora non quixese, tiña que velo igualmente". Sabela pariu un feto de 16 semanas, aproximadamente duns 15 centímetros. "Aínda que sexa poderían atenderte na cama", di. 

Soa, tamén, para expulsar a placenta

O tratamento continuou. "Cada catro horas máis pílulas", conta. "Pensei que me desangraba e preguntaba, isto é normal? mais ninguén dicía nada". "Pensei que me ían deixar morrer" pois cada pouco "enchía unha cuña de sangue". Sabela seguía soa. "Coido que se asustaron e chamaron unha xinecóloga residente que me dixo que probabelmente ao día seguinte terían que facerme un legrado", e así foi. De todo o proceso vivido, di Sabela, "foi o menos desagradábel". En quirófano, 15 minutos "e non te enteras de nada".

"Pensei que me desangraba e preguntaba, isto é normal? mais ninguén dicía nada"

Ao día seguinte, o segundo desde que chegou ao hospital, "déronme a alta" e "só nese momento a xinecólogo púxome a man na perna e díxome 'ánimo', foi a única mostra de afecto dunha persoa allea á miña familia". "Para eles", asegura en referencia ao persoal, "non é un bebé, é un desperdicio". 

Sabela asegura que durante ese tempo non se cuestionou o que estaba a acontecer porque "pensei que era protocolario". Porén, di, ao transcorrer os días e as semanas "vin que iso non é normal" que é "unha barbaridade. "Non é humano", afirma de maneira taxativa. "Referíanse a min como 'a do aborto' ou 'a do legrado', nen sequera tiña nome para eles". 

Falta de información e indefensión

"É bastante máis habitual do que pensamos" que isto aconteza", subliña. "A min non me custa falar mais a xente cala". Sabela non presentou unha queixa nese momento porque, di, "non estaba para iso, só quería ir á casa a descansar". Ten outra filla que daquela tiña 4 anos. "Ao final vólveste un pouco indefensa porque pensas que a sanidade o está a facer ben, é co paso do tempo cando ves que non". 

"Ao final vólveste un pouco indefensa porque pensas que a sanidade o está a facer ben, é co paso do tempo cando ves que non"

"A desinformación é total", di, "non sei como tiven a forza para sacar o bebé, para tirar por el". "Nunca me plantexei se había un protocolo e se este se estaba a cumprir, din por feito que era normal". "É moi violento, non tivemos nen un momento de intimidade", sinala. "Creo que deberían deixar uns minutos para estar coa túa parella". 

Após dárenlle a alta notificáronlle que tería que acudir de novo para recoller as análises dos restos [feto e placenta]. "Na Seguridade Social non tes nen unha revisión xinecolóxica, fun á privada". 

Fisicamente, Sabela recoñece que desde o aborto "a miña saúde non vai ben, teño síntomas raros mais xa non se sei se é polo tratamento, polo estrés...". Psicoloxicamente, di, "afecta moito". Sabela asegura que "gostaría" de volver ter unha crianza mais "teño moito medo". "É imposíbel olvidar e tampouco quero esquecer", "é unha parte de min, non hai que tirarlle ferro, hai que asumir o que hai". 

Sabela decidiu contar a súa experiencia após coñecer o que está a acontecer no Materno da Coruña. Quere que "as cousas cambien" e que "se trate en todos os hospitais de igual maneira" através dun "protocolo". "Non teño que agochar nada", di con forza.