Abortos sen asistencia médica, tamén na área sanitaria de Ferrol

Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol

Mulleres da comarca relatan como tiveron que abortar soas após coñecerse o que acontece no CHUAC. 

"Déronme unha cuña, das de ouriñar, e dixéronme que cando expulsase o feto que avisase". Quen así fala é unha muller de Ferrol que sufriu un aborto espontáneo na 13ª semana de xestación. Cando lle foi inducido o parto sumaba xa 16 semanas de embarazo. Foi ingresada e "ao día seguinte", afirma, "tiveron que practicarme un legrado". "Parín o meu bebé soa, de pé, no baño dunha habitación" do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. 

"Parín o meu bebé soa, de pé, no baño dunha habitación", explica unha muller de Ferrol 

En conversa con Sermos Galiza outra muller relata un caso semellante. Tamén en Ferrol, "hai quince anos", di, "o patético é que todo isto non é novo". "Mándanche parir un feto morto, con dor" e sen profesionais da saúde que te asistan. 

A experiencia, deixa as mulleres "traumatizadas". "É gravísimo o feito mesmo de ficares soa nunha habitación", relatan as fontes consultadas por Sermos Galiza

Neste senso, o que acontece no Materno da Coruña coas mulleres que teñen que interromper o seu embarazo após a 14ª semana de xestación ou, que sofren un aborto espontáneo, e que se vén obrigadas a afrontar un parto inducido en solitario, non se limita ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) senón que se reproduce noutras áreas sanitarias como a de Ferrol. 

"Obríganas a parir con dor e soas un feto morto, de cuclillas, nunha cuña"

Algunhas delas, contan as fontes consultadas por Sermos Galiza, mesmo foron enviadas de volta aos seu domicilio após suministrárenlles "tres Omeoprazol [protector estomacal] por vía vaxinal para provocarlles o parto". "Dinlles, 'se tes moito sangrado volve por aquí'". "Imaxina o shock que pode supor para unha muller abortar nestas condicións", acrecentan. "Obríganas a parir con dor e soas un feto morto, de cuclillas, nunha cuña". É, afirman de maneira taxativa, "pura violencia obstétrica e non atinxe só os abortos, tamén os partos". 

"Aprovéitanse do descoñecemento e da falta de información das mulleres"

Segundo puido saber Sermos Galiza, na Coruña unicamente "dúas ou tres mulleres presentaron unha queixa" após un aborto nestas condicións. "Aprovéitanse de que non din nada polo trauma que supón para as mulleres e de que os abortos se arrastran aínda coma se fosen unha vergoña", din. Porén, acrecentan, "tamén se aproveitan do descoñecemento que axiste arredor da práctica do aborto, non hai información sobre iso, a ti dinche 'pon isto' e 'faino así' e falo". 

Apoio político, feminista e sindical

Desde a Plataforma na defensa do dereito ao aborto da Coruña continúan a procurar apoios --individuais e colectivos-- para denunciar perante a Xerencia do CHUAC o que está a acontecer, aliás, conseguiron que os grupos municipais da Marea, o BNG e o PSdeG comecen a traballar na posibilidade de presentaren accións administrativas conxuntas a nivel municipal e mesmo galego para combater a inacción da Xerencia. Tamén organizacións feministas locais, nacionais e mesmo organizacións sindicais se están a sumar á campaña. 

"Extraoficialmente dixéronnos que fora reservada unha sala no Materno para destinar ás mulleres que abortan a partir da 14ª semana de xestación, mais nunha se incorporou ao protocolo oficial nen se usou", apuntan. 

Aliás, lembran a mobilización convocada para o 18 de febreiro diante do CHUAC ás 12 horas coa que queren dar visibilidade a unha denuncia que iniciaron en xullo de 2015 mais que se remonta tempo atrás cando o persoal do Centro de Orientación Familiar (COF) alertou do que estaba a acontecer.