Que voltem para a casa! convida a PP e PSOE a un debate sobre a dispersión con familiares d@s pres@s

O colectivo fai extensíbel o convite ao delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, por consideralo, canda as forzas políticas citadas, "defensores" dunha práctica que se lles aplica a cidadás e cidadáns galeg@s aínda antes do seu enxuizamento. Fano após a resolución do Tribunal superior de xustiza de Madrid


A plataforma de familiares e amizades d@s pres@s galeg@s Que voltem para a casa! convida a representantes de PP e PSOE, así como ao delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, a un debate público ao redor da dispersión "por ser os únicos que a defenden". En fronte estarían as familias dos e das cidadás galegas que fican encarceradas fóra do noso País aínda sen seren xulgadas, en aplicación da lexislación antiterrorista. 

Esta acción chega após unha resolución do Tribunal superior de xustiza de Madrid en relación ao preso galego Telmo Varela en que sinala que "non se xustificaron documentalmente as causas concretas que no interno desaconsellan o translado de centro a outro máis próximo á súa contorna familiar e social", polo que recoñece o dereito de Varela a satisfacer o que lle restaría de condena nun penal galego. 

O fallo foi interpretado pola plataforma como "un importante paso adiante" contra unha práctica que cualifican de "ilegal e inxustificada" pola maneira en que está a ser aplicada. "Temos da nosa parte a razón xurídica e a razón moral, mais queremos ter tamén a razón social, o apoio da sociedade", sinalan nun comunicado enviado á imprensa.

É por isto polo que convidan a quen defende a dispersión a expoñer, nun debate que sería público e no cal participarían tamén as familias, os dados de que dispoñen e os argumentos con que avalan, en cada caso, o respeito íntegro ou a vulneración dos dereitos das persoas presas, a legalidade ou ilegalidade desta práctica e se a dispersión carrexa ou non "un sufrimento engadido" para @s familiares.