A dispersión obriga a familiares d@s pres@s a percorrer cada ano a distancia equivalente a rodear 14 veces a Terra

A plataforma cidadá Que voltem á casa! celebra este sábado a quinta edición da Festa da Liberdade: contacontos e música para exixir máis unha vez o achegamento d@s 12 cidadá(n)s galeg@s que cumpren prisión preventiva fóra da Galiza


Doce cidadá(n)s galeg@s atópanse a día de hoxe encerrad@s nalgún dos cárceres espallados pola xeografía do Estado, ningún ubicado na Galiza. Del@s, dez cumpren prisión preventiva á espera de xuízo. Para porlle punto e final á situación "ilegal" da dispersión, a plataforma Que voltem á casa! celebra este sábado a quinta edición da Festa pola liberdade. Música e contacontos xúntanse no local social da Gentalha do Pichel, en Compostela, da man de Pepe Penabade, Carlos Santiago e as pandereteiras Bouba.

Con esta acción, o colectivo cidadán quere denunciar máis unha vez a situación "xudicial e penitenciaria" en que se atopan Santiago Vigo, Antom Santos, Roberto R. Fialhega 'Teto', María Osorio, Telmo Varela, Eduardo Vigo, José Manuel Sanchez Gorgas, Carlos Calvo, Xurxo R. Olveira, Júlio Saiáns, Diego Santín e Héctor Naya 'Koala'.

Tod@s se achan privad@s de liberdade en centros penais que avocan a familiares e amizades a gastaren ao redor de 75 mil euros ao ano nas viaxes para @s visitar, desprazamentos en que completan 564 mil quilómetros segundo os cálculos realizados pola propia plataforma.

Tal distancia equivale a darlle 14 voltas á Terra polo Ecuador. A dispersión "supón unha condena engadida" á situación de privación de liberdade que se pode prolongar durante catro anos, ao lles ser aplicada a Lei antiterrorista.

O artigo 31 do Regulamento penitenciario confire ao goberno español a competencia para determinar o destino das persoas reclusas nos diferentes penais do estado.

Porén, o artigo 12 da Lei orgánica xeral penitenciaria fixa unha limitación: cómpre evitar o desarraigamento social da poboación reclusa.

Aliás, a Constitución española recolle no apartado segundo do artigo 24 do dereito das persoas a seren sentenciadas por un tribunal asentado no lugar onde aconteceron os feitos que se lles imputan. Cos once presos e a presa galeg@s "vulnéranse" estas normas.

A Lei antiterrorista impón unha incomunicación que pode durar até 5 días no momento da detención, prestan declaración perante a Audiencia española e cumpren condena ou prisión preventiva en cadeas de fóra da Galiza.